Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

Os sindicatos esixen o cumprimento «íntegro» do Acordo de mellora educativa

    As organizacións sindicais CCOO-Ensino, ANPE e UGT-SP compareceron publicamente este venres para denunciar o incumprimento do Acordo asinado coa Consellaría de Educación da Xunta de Galicia. Este pacto recollía melloras no funcionamento do sistema educativo. Case ano e medio despois do asinamento, os sindicatos critican que a Lei 5/2024 non garante a execución do negociado, senón que se está a utilizar para frear ou atrasar medidas comprometidas, como a dotación de profesorado de apoio e a redución progresiva de ratios.

    04/04/2025.
    Conferencia de prensa dos sindicatos. No centro, Borja Campos, de CCOO-Ensino

    Conferencia de prensa dos sindicatos. No centro, Borja Campos, de CCOO-Ensino

    Os sindicatos acusan a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, así como outras estruturas da Administración, de adoptar unha actitude obstrucionista que impide avances reais. Denuncian tamén a falta de transparencia respecto aos datos de matrícula e ratios escolares, e mesmo afirman que houbo presións para que os equipos directivos non colaboren coas organizacións sindicais.

    As centrais sindicais lamentan que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda —persoa que, en nome o Goberno galego, asinou o Acordo— ignore as reiteradas solicitudes de reunión. Por este motivo, anuncian que están esgotando a vía administrativa e avanzando cara á vía xudicial.

    CCOO, UGT e ANPE teñen esperanza de que este camiño poida ter como resultado unha sentenza semellante á da Comunidade Valenciana, onde o goberno autonómico foi obrigado a contratar profesorado por incumprir un acordo similar. Ademais, iniciaron unha reclamación pola incorrecta aplicación do incremento do 10 % nos complementos de sexenios e titoría, que será incorporada ao proceso xudicial.

    Os sindicatos fan un chamamento á comunidade educativa para denunciar calquera vulneración do Acordo, como o recente intento de reintroducir ratios de 25 alumnos en Infantil e Primaria, que foi freado grazas á presión social e sindical.