Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

A Xustiza volve condenar a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO en Lugo

    A Xustiza condena por segunda vez a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO. Tras a sentenza do pasado mes de setembro, pola que o Xulgado do Social n.º 1 de Lugo condenaba a empresa por castigar a presidenta do comité na cidade, delegada deste sindicato, a situación repítese con outra traballadora.

    09/04/2025.
    Extracto da sentenza que condena a Froiz

    Extracto da sentenza que condena a Froiz

    A nova sentenza obriga a Froiz a anular a sanción, de catorce días sen emprego e soldo, aboarlle a esta delegada de CCOO os salarios deixados de percibir, así como a indemnizala polos danos morais ocasionados, xa que a vulneración dos seus dereitos sindicais está tipificado como infracción grave.

    Comisións Obreiras salienta que quedou probado en sede xudicial que a sanción obedecía a unha represalia polas funcións sindicais exercidas pola traballadora no contexto do conflito derivado da negociación do convenio provincial de alimentación. Un comportamento, o da empresa, «que afecta a varias traballadoras que son representantes dos compañeiros/as, polo que existe non só afectación individual senón tamén colectiva», subliña a sentenza.

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia agarda que, con estas dúas sentenzas na man, Froiz «recapacite e poña fin a estas prácticas antisindicais, que castigan o exercicio da defensa dos dereitos e intereses do persoal».