Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO organizou unha xornada sobre o cancro laboral, unha doenza «que mata en silencio»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este mércores, 9 de abril, unha xornada para poñer o foco sobre os riscos laborais que orixinan cancro e as medidas urxentes para combatelos. No edificio Cersia (Santiago de Compostela) déronse cita distintos especialistas, tanto do ámbito sindical como da universidade, que abordaron este problema desde distintas perspectivas.

    09/04/2025.
    Intervención de Armando Iglesias

    Intervención de Armando Iglesias

    Segundo o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, o cancro de orixe laboral, especialmente pola exposición a elementos como o radon, o amianto ou a sílice cristalina, é unha doenza «que mata en silencio» e cómpre facela visible para poder actuar desde o ámbito da prevención.

    O sindicalista expresou que só actuando sobre a prevención será posible mudar a dinámica no que atangue á visibilización das enfermidades profesionais. Alén do cancro, tamén chamou a atención sobre o risco psicosocial, que se sospeita que pode estar por tras dun gran número de mortes laborais, neste caso catalogadas como accidentes cardiovasculares.

    «Aquilo que non se ve, non existe», subliñou Iglesias, ao tempo que instou as empresas a investiren en prevención porque, en resumo, «é investir en protexer vidas». Tamén criticou o uso malintencionado por parte das empresas e da Administración do concepto «absentismo» e sinalou que, por tras de baixas prolongadas, o que hai en moitas ocasións é un sistema sanitario «que non dá citas, que non dá máis de si», polo que esixiu dotalo de medios «e deixar de culpar a clase traballadora».

    O seu homólogo confederal, Mariano Sanz, centrou a intervención na infradeclaración de casos de cancro de orixe laboral. O sindicato calcula que cada ano se producen 10 000 novos casos en España, pero no ano 2024 unicamente se comunicaron oficialmente 106. Se ben a cifra é case cinco veces maior ca dez anos antes, «é insuficiente».

    Así mesmo, hai «disfuncións» entre territorios e sexos, pois destes 106 casos, 98 corresponderon a homes e 8 a mulleres e case a metade do total foron rexistrados no País Vasco e só dous en Galicia. «Isto evidencia que hai unha enorme marxe de mellora nos distintos puntos do Estado», concluíu Sanz.

    O sindicalista tamén sinalou que unha de catro persoas traballadoras está exposta no seu traballo a axentes potencialmente canceríxenos. O máis habitual é a radiación solar, seguida dos motores de combustión, os bencenos e a sílice cristalina respirable; esta última, «de moita actualidade hoxe pola fábrica de Sargadelos», apuntou. A este respecto, sentenciou que «non hai niveis de exposición seguros, de risco cero, a un axente canceríxeno».

    Na xornada tamén interviñeron Alberto Ruano Raviña, do Laboratorio do Radon de Galicia (USC); Manuela Caneda, técnica do Gabinete de Saúde Laboral de CCOO de Galicia; e Óscar Bayona Plaza, da Secretaría confederal de Saúde Laboral.

    Pechou este acto a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez. A dirixente sindical tamén se referiu á situación de Sargadelos e subliñou que «todas as medidas preventivas que se están pedindo son perfectamente asumibles», e lamentou que haxa «persoas ás que lles queda moi grande a palabra “empresario”».

    «Coa saúde non se xoga», advertiu Amelia Pérez, ao tempo que esixiu investir en prevención de riscos, porque «hai moitos traballadores e traballadoras que saen da casa e xa non volven». Por último, fixo un chamamento a seguir traballando para facer visibles doenzas como o cancro laboral e a integrar na acción sindical cotiá a protección da saúde laboral.