Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO defende un mellor financiamento dos Concellos para garantir servizos sociais de calidade

    CCOO reclámalle á Xunta de Galicia un mellor financiamento dos Concellos para garantir uns servizos sociais de calidade. A demanda foi trasladada no marco da primeira reunión do Foro Local de Servizos Sociais, promovido pola FEGAMP xunto cos sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT, que tivo lugar esta semana en Santiago de Compostela.

    10/04/2025.
    Primeira reunión do Foro Local de Servizos Sociais. No fondo, representantes da FEGAMP; á dereita, Maica Bouza, Javier Lareu e Alberto Riobó, por CCOO

    Primeira reunión do Foro Local de Servizos Sociais. No fondo, representantes da FEGAMP; á dereita, Maica Bouza, Javier Lareu e Alberto Riobó, por CCOO

    Por parte de CCOO asistiron a secretaria nacional de Política Social, Maica Bouza; o coordinador do sector da Administración autonómica, Javier Lareu; e o coordinador do sector da Administración local, Alberto Riobó.

    Maica Bouza sinala que unha das principais eivas do actual modelo é que houbo unha descentralización do gasto cara aos Concellos, «pero non se descentralizaron os ingresos». Esta situación, como leva tempo denunciando o sindicato, provoca «claras disfuncións» na prestación dos servizos sociais comunitarios.

    CCOO aposta por un sistema de servizos públicos dotado de financiamento e persoal suficientes, con condicións laborais axeitadas, que permita garantir unha atención de calidade para a cidadanía.

    O sindicato valora positivamente a creación deste Foro Local como espazo de análise, diagnóstico e propostas compartidas entre os Concellos e os representantes do persoal da administración pública. Nesta primeira xuntanza acordouse poñer en marcha un proceso de recompilación de información sobre os principais obstáculos que afrontan as entidades locais na xestión dos servizos sociais.

    CCOO lembra que a atención á cidadanía en situación de vulnerabilidade non pode depender da capacidade económica de cada municipio e insta a Xunta a exercer as súas responsabilidades para garantir a equidade territorial no acceso aos servizos sociais.