Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

CCOO lamenta o falecemento do compañeiro Ángel Cameselle, referente do sindicalismo na sanidade pública galega

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia quere expresar o seu máis profundo pesar polo falecemento do compañeiro Ángel Cameselle, secretario xeral da Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia entre 2012 e 2019. Cameselle faleceu o domingo, 20 de abril, e este luns será velado no tanatorio de Pereiró (sala 10), en Vigo, entre as 11:30 e as 20:00 horas. Nestes difíciles momentos, CCOO quere facerlles chegar á súa familia e amizades todo o cariño e apoio dos membros da organización.

    21/04/2025.
    Ángel Cameselle, nunha das moitas mobilizacións en defensa da sanidade pública

    Ángel Cameselle, nunha das moitas mobilizacións en defensa da sanidade pública

    Compromiso sindical desde mozo

    A vida de Ángel Cameselle Corbacho (Vigo, 1953-2025) estivo marcada polo seu compromiso inquebrantable co sindicalismo de clase e coa defensa dos servizos públicos. Incorporouse ás Comisións Obreiras con apenas 18 anos, logo dos sucesos de marzo de 1972 e da histórica folga xeral de Vigo en setembro dese mesmo ano. En 1975 foi elixido enlace sindical en Indugasa, onde militou activamente ata o seu despedimento en 1981, tras anos de loita no sector do metal.

    En 1984 iniciou a súa andaina no eido da sanidade pública, primeiro no Insalud e posteriormente no Sergas, impulsando desde entón a reorganización de CCOO nun sector practicamente desmantelado. Froito do seu traballo incansable, CCOO converteuse na primeira forza sindical no ámbito sanitario de Vigo. Foi tamén un dos impulsores da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública —hoxe SOS Sanidade Pública—, co obxectivo de facer fronte ás ameazas privatizadoras sobre o sistema galego de saúde.

    A súa traxectoria, desde o sindicato comarcal de CCOO-Sanidade en Vigo ata a Secretaría xeral da Federación do 2012 ata a súa xubilación no 2019, estivo sempre ligada á loita colectiva e á construción dunha sanidade pública de calidade e con dereitos laborais garantidos.

    Premio 10 de Marzo no ano 2021

    En 2021, o seu compromiso foi recoñecido cun dos Premios 10 de Marzo que CCOO e a súa Fundación conceden anualmente a persoas destacadas pola súa traxectoria en defensa da clase obreira galega.

    Hoxe, tanto o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia como a Federación de Sanidade están de loito pola perda dun compañeiro que dedicou a súa vida sindical á loita por un servizo esencial como é o sistema sanitario público.