Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

CCOO reúnese con Queremos Galego para reiterar o seu apoio á manifestación do vindeiro 17 de maio

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia recibiu este venres na súa sede unha representación de Queremos Galego. Na xuntanza, CCOO reiteroulle á plataforma cidadá o seu apoio á manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixo o lema «Lingua vital, xa!».

    02/05/2025.
    De esq. a der., Xesús Castro, Marcos Maceira, Ero Sante e Sara Seco

    De esq. a der., Xesús Castro, Marcos Maceira, Ero Sante e Sara Seco

    Na reunión participaron, por parte de CCOO, Xesús Castro, secretario de Institucional e Ero Sante, secretario de Comunicación da Federación de Ensino. Por parte de Queremos Galego, o seu portavoz, Marcos Maceira, e a activista Sara Seco.

    Durante o encontro, ambas as dúas organizacións coincidiron na necesidade de redobrar os esforzos na defensa da lingua galega, especialmente no ámbito educativo. CCOO trasladou o seu apoio explícito á mobilización, igual que fixo coa do pasado mes de febreiro, e fará un chamamento á súa afiliación para participar.

    A reunión tamén serviu para intercambiar análises sobre a situación actual da lingua, marcada —segundo sinalaron— por unha política institucional insuficiente e por retrocesos no uso do galego en contornas chave. Tanto CCOO como Queremos Galego apelaron á mobilización social como ferramenta fundamental para garantir o futuro da lingua.

    Saída ás 12 horas da Alameda compostelá

    A manifestación terá lugar o sábado, 17 de maio, con saída ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela. Na páxina web de Queremos Galego facilítase máis información, así como materiais de apoio e difusión desta convocatoria.