Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

CCOO salienta a caída do paro en abril, pero advirte da fenda de xénero e territorial

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia valora positivamente os datos do paro rexistrado do mes de abril, coñecidos hoxe, pois amosan un descenso do desemprego e un aumento da afiliación á Seguridade Social. Porén, as cifras seguen evidenciando unha desigual posición das mulleres no mercado laboral galego, así como notables diferenzas entre a situación de Galicia coa media estatal.

    06/05/2025.
    Oficina do Servizo Público de Emprego | Foto: Google Street View

    Oficina do Servizo Público de Emprego | Foto: Google Street View

    No mes de abril, o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 3610 persoas (–3,03 %). Pola súa parte, a afiliación á Seguridade Social, tomando como referencia o último día do mes, rexistra unha suba de 6650 afiliados e afiliadas (+0,62 %); se ben consideramos a afiliación media mensual, o incremento é de 8088 (+0,74 %). Polo tanto, a caída do paro é superior á rexistrada no Estado, mentres que na afiliación as porcentaxes de variación son inferiores á media.

    Segundo Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, a evolución do desemprego e da afiliación por sectores «responde, en boa medida, á contratación da campaña da Semana Santa». Tomando como referencia a afiliación ao réxime xeral e autónomos, a metade dos empregos corresponde á hostalaría e un de cada dez a actividades profesionais e administrativas.

    Deste xeito, no mes de abril segue a xerarse emprego. Con todo, como xa se indicou, en Galicia créanse de novo menos postos de traballo ca no Estado, malia compartir o marco lexislativo. Entre as diferenzas que amosan os datos de hoxe destaca a afiliación, que experimenta unha marca «histórica» no Estado, pero na comunidade autónoma segue lixeiramente por baixo dos máximos logrados no 2008, hai xa dezasete anos.

    Análise por sexos e sectores

    Os datos do mes de abril indican que en Galicia estaban no desemprego 48 191 homes (–1894) e 67 354 mulleres (–1716). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, malia a boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 4642 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (–455) e 110 903 maiores desa idade (–3155).

    En abril, o paro diminuíu en todos os sectores de actividade: no primario hai 113 persoas desempregadas menos, na industria 1571, na construción 213 e 2681 nos servizos. O colectivo sen emprego anterior cae en 446 persoas.

    Análise da contratación

    No último mes formalizáronse 51 364 contratos en Galicia (1,35 % menos que en marzo) e, aínda que o groso deles son temporais (33 323 fronte a 18 041 indefinidos), «cómpre subliñar tres de cada dez contratos son agora indefinidos», recalca Maica Bouza. Ao respecto, a sindicalista lamenta que, un mes máis, «debamos criticar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade: en Galicia son indefinidos 35 de cada 100 contratos rexistrados, pero en España a porcentaxe aproxímase á metade, 44 de cada 100».

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 6650 persoas, ata situarse en 1,08 millóns (en concreto, 1 085 354), experimentando un incremento do 0,62 % respecto do mes anterior. Canto á media mensual, aumenta en 8088 persoas, situando o total en 1 087 434. Desta cifra, 865 226 corresponden ao réxime xeral, 204 168 ao de autónomos e 180 405 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,74%.

    Prestacións por desemprego

    En marzo —último dato dispoñible— cobraron algún tipo de prestación por desemprego 73 258 persoas: 39 350 prestacións contributivas e 33 908 subsidios. Canto aos ERTE do mes de abril, este mecanismo daba cobertura a 574 persoas a final do mes, das cales 371 estaban en ERTE ETOP e 203 en erte de forza maior.