Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2025.

CCOO logra que se recoñeza como enfermidade profesional a tendinite dunha limpadora tras máis dun ano de baixa laboral

    Unha traballadora do sector da limpeza acaba de lograr o recoñecemento oficial da súa doenza como enfermidade profesional, tras permanecer máis dun ano en situación de incapacidade temporal. O recoñecemento foi emitido pola Seguridade Social na vía administrativa, sen necesidade de recorrer á xudicial, grazas á reclamación realizada polos servizos xurídicos de CCOO en Santiago-Barbanza.

    09/05/2025.
    Con sindicatos, o traballo é máis seguro

    Con sindicatos, o traballo é máis seguro

    Segundo explica o sindicato, a traballadora causara baixa médica por mor da coñecida como tendinite de De Quervain, unha patoloxía que produce dor e limitación importante da capacidade funcional da man afectada. Esta doenza está directamente relacionada con movementos repetitivos e esforzos sostidos do pulso e da man, situacións habituais en ocupacións con alta demanda física, como é o caso do persoal de limpeza.

    Entre as tarefas realizadas pola traballadora figuraban o varrido e fregado de superficies, a limpeza manual de mobiliario, a desinfección de aseos e vestiarios, a retirada de lixo e a limpeza de paredes e azulexados. Estas funcións implicaban, de maneira constante, sobreesforzos e posturas forzadas.

    Segundo expuxo CCOO na reclamación, a avaliación ergonómica do posto concluía que estas tarefas resultaban daniñas para o sistema pulso-man, establecendo unha relación de causalidade directa entre as condicións laborais e a aparición da tendinite diagnosticada. Así, a patoloxía enmárcase no anexo I, grupo 2, axente D, subaxente 03 (patoloxías de pulso e man) do Real decreto 1299/2006, que recolle o cadro oficial de enfermidades profesionais recoñecidas pola Seguridade Social.

    Desde CCOO destacan que este recoñecemento, amais de mellorar os dereitos que asisten a traballadora afectada, é un «importante precedente» á hora de facer visibles as enfermidades profesionais no sector da limpeza, «un ámbito onde están frecuentemente catalogadas como enfermidade común e, polo tanto, ausentes nas estatísticas oficiais».