Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

CCOO alerta do auxe da ultradereita e esíxelle á Xunta políticas ambiciosas ante os retos sociais e económicos

    A primeira xornada do 13.º Congreso Nacional de CCOO rematou coa aprobación do informe balance da Comisión Executiva Nacional saínte. Un mandato que comezou en maio do 2021 e se caracterizou, no primeiro treit,o pola emerxencia pospandemia. Deste xeito, o sindicato lamenta que a sociedade galega e española non mellorase tras a crise da covid-19 —como moitas voces agardaban—, senón que se se produciu un auxe da ultradeireita, paralela ao incremento do ruído político, a mentira como ferramenta habitual e o desprezo polos dereitos civís.

    15/05/2025.
    Na imaxe, unha das votacións desta primeira xornada do Congreso

    Na imaxe, unha das votacións desta primeira xornada do Congreso

    Os cambios de época —incluídos os derivados das transicións dixital e enerxética— están a xerar exclusións e conflitos, agravados pola falta de planificación e retorno nos territorios afectados. Neste sentido, o sindicato rexeita proxectos como o de Altri en Palas de Rei por incumprir os principios das axudas europeas e carecer de consenso social.

    Servizos públicos

    En clave galega, CCOO denuncia a inacción da Xunta fronte aos principais retos sociais e económicos. A chegada de Alfonso Rueda á Presidencia non supuxo ningún cambio relevante respecto das políticas herdadas de Feijóo. Os recortes en servizos públicos, a precariedade nos coidados e o uso partidista dos fondos europeos centran as críticas do sindicato.

    Atención á dependencia

    Un dos desafíos principais recollidos no informe é o reto demográfico. CCOO sinala o envellecemento poboacional como unha das cuestións máis urxentes, especialmente no que atangue á atención á dependencia. Avógase por unha política pública de coidados que deixe atrás o modelo asistencial, precario e feminizado, e se constrúa sobre a base da corresponsabilidade e a dignidade laboral.

    Na área de emprego e política social, o sindicato fai balance da súa actividade institucional, das relacións co sistema universitario e da súa intervención en materia de cualificación e cohesión social. Tamén se reflicte o traballo da Secretaría de Mulleres, Igualdade e Políticas LGTBI+, con atención especial ás políticas de diversidade.

    Artellar unha resposta

    O informe recolle igualmente as actuacións no campo da comunicación, as campañas de acción sindical, a negociación colectiva, a defensa da saúde laboral e a análise das transicións ecolóxicas e produtivas. Nun exercicio de memoria, inclúese o labor da Fundación 10 de Marzo e a xestión do patrimonio sindical.

    Finalmente, preséntanse as relacións de CCOO de Galicia co ámbito internacional, co conxunto das CCOO do Estado, e coa colaboración territorial en plataformas como Galeuscat ou o Noroeste Peninsular.

    En síntese, CCOO de Galicia conclúe que é urxente artellar unha resposta sólida fronte ao avance da ultradereita, reconstruír o diálogo social, defender os servizos públicos e garantir unha transición xusta, feminista e inclusiva para o futuro do país.