Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

Amelia Pérez aposta por avanzar cara ás 37,5 horas e por reforzar a concertación social

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, foi entrevistada esta mañá no programa Bos Días da TVG, con motivo da súa reelección á fronte do sindicato no 13.º Congreso Nacional, que tivo lugar a semana pasada. A xornada laboral, os accidentes de traballo e o diálogo social centraron a conversa.

    21/05/2025.
    A secretaria xeral de CCOO foi entrevistada este mércores na TVG

    A secretaria xeral de CCOO foi entrevistada este mércores na TVG

    Entre os obxectivos máis inmediatos do sindicato, destacou a redución da xornada laboral a un máximo de 37,5 horas semanais. Ao respecto, instou a «romper con certos mantras» e asegurou que «non é certo que haxa repercusións negativas no mercado laboral».

    Outro dos desafíos apuntados foi a loita contra a sinistralidade, un problema especialmente agudo en Galicia, «unha das comunidades autónomas con maior número de accidentes de traballo», salientou.

    Amelia Pérez tamén puxo o foco na contratación a tempo parcial e na necesidade de avanzar na súa regulación. Lembrou que, malia que a reforma do 2021 serviu para frear a temporalidade, aínda queda pendente abordar a parcialidade indesexada, «que afecta sobre todo as mulleres».

    Políticas «que melloren a vida da xente»

    Canto ao papel do sindicalismo nun contexto de incerteza internacional, a secretaria xeral de CCOO afirmou que «as organizacións sindicais estamos para organizar a clase obreira, xerar certezas e esperanza». A este respecto, defendeu que «o mellor que pode facer a clase obreira é organizarse ao redor dun sindicato de clase».

    Ademais, fixo un chamamento aos poderes públicos para situar o traballo no centro das políticas. «O mellor para combater o incremento dos autoritarismos e da ultradereita é falar do que lle preocupa á xente, aprobar políticas que melloren a vida da xente», subliñou. «En definitiva —engadiu—, trátase de seguir avanzando e transformando o país».

    Diálogo social ligado á concertación

    Sobre o diálogo social e en resposta ás declaracións do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, a sindicalista amosouse de acordo en afondar neste ámbito, mais reclamou que estea «ligado á concertación social». Ademais, matizou que debe ser «máis profundo» e contar con outras consellarías á parte de Emprego. «Queremos falar de política social, dependencia, sanidade…», indicou.

    Precisamente, respecto da sanidade, apuntou que é preciso mellorar o sistema sanitario público, xa que incide noutra cuestión que tanto a Xunta como a patronal utilizan como argumento político, o absentismo laboral, do que se pretende «culpar as persoas traballadoras» por estaren de baixa cando, en moitos casos, o que hai é falta de tratamento axeitado por mor das listaxes de espera.

    Audios asociados

    Entrevista a Amelia Pérez na TVG (21/5/2025=