Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

CCOO recolleu sinaturas en Lugo para pedir a mellora dos servizos municipais

    CCOO promoveu o mércores, 21 de maio, unha recollida de sinaturas para pedir a mellora dos servizos municipais de Lugo. A colocada polo sindicato diante do edificio administrativo do Concello contou cunha ampla participación cidadá.

    22/05/2025.
    Numerosas veciñas e veciños achegáronse á rolda da Muralla para apoiar a proposta de CCOO

    Numerosas veciñas e veciños achegáronse á rolda da Muralla para apoiar a proposta de CCOO

    Durante toda a mañá —de 9:00 a 14:00 horas—, foron moitas as persoas que se achegaron á mesa para amosar o seu apoio ás demandas expostas por CCOO. O sindicato denunciou a falta de persoal nos departamentos municipais, a desorganización na planificación dos recursos humanos e a ausencia de transparencia na xestión do goberno local.

    «O persoal municipal non temos a culpa da desorganización, nin de que se vulneren constantemente os nosos dereitos e condicións laborais», apuntaron desde Comisións Obreiras. Tamén advertiron de que a sobrecarga de traballo está provocando unha «perda significativa na calidade» dos servizos que recibe a cidadanía.

    Entre as principais reivindicacións figuraban a dotación inmediata de máis persoal para reducir esperas e axilizar trámites, así como unha mellora na eficiencia da atención ao público. Tamén reclamaron máis transparencia por parte do executivo local, ao que acusan de evadir responsabilidades e de permitir o desmantelamento dos servizos públicos ao externalizar competencias a empresas privadas.

    «Cada vez que este bigoberno entrega un servizo público a unha empresa, obriga a pagar IVE e beneficios privados que saen dos nosos impostos», denunciaron.

    A boa acollida da iniciativa evidencia o malestar crecente entre a poboación lucense coa situación actual dos servizos municipais e supón, segundo CCOO, «un claro apoio á necesidade de mudar o rumbo e poñer en valor o papel do persoal público como piar fundamental dun Concello moderno e eficaz».