Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

O persoal de Teleperformance na Coruña mobilizarase o 10 de xuño contra o ERE

    O comité de empresa de Teleperformance acordou o luns convocar mobilizacións en resposta ao novo expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado pola compañía, que supón a perda de 27 postos no centro de traballo da Coruña.

    03/06/2025.
    Folga e mobilización do persoal de Teleperformance na Coruña (29/4/2024)

    Folga e mobilización do persoal de Teleperformance na Coruña (29/4/2024)

    As mobilizacións consistirán en paros laborais o día 10 de xuño, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00, así como nunha concentración diante das oficinas de Vodafone na praza de Pontevedra, ás 12:00 horas.

    O pasado 30 de maio constituíuse a mesa negociadora do novo ERE, que afecta un total de 321 persoas nos centros de traballo de seis cidades do Estado. No caso da Coruña, a afectación céntrase integramente no persoal adscrito ao servizo de Vodafone, nun centro que xa sufrira un axuste importante en outubro de 2023, cando 41 persoas foron despedidas.

    O centro de Teleperformance da Coruña, situado no polígono da Agrela, conta actualmente con 427 traballadoras e traballadores. A empresa, líder mundial no sector de contact center, emprega 11.000 persoas en España e máis de 138.000 en 47 países. Desde a adquisición do grupo Majorel en 2023, executou xa catro ERE, dous deles directamente na propia Teleperformance.

    O comité de empresa denuncia a destrución deliberada de emprego, malia os beneficios millonarios das empresas para as que presta servizo Teleperformance. Lembra, ademais, que se trata dun sector altamente feminizado e que a maior parte do persoal afectado na Coruña ten máis de 50 anos e unha ampla experiencia profesional.