Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xuño 2025.

A «cobiza» da patronal reaviva a folga no comercio de alimentación en Ourense

    As organizacións sindicais CCOO, CIG, USO e UGT convocan folga no comercio de alimentación de Ourense os días 6 e 7 de xuño, tras o fracaso das negociacións do convenio colectivo por mor da falta de vontade da patronal, á cal lle reprochan a súa «cobiza».

    06/06/2025.
    Folga no comercio de alimentación na provincia de Ourense

    Folga no comercio de alimentación na provincia de Ourense

    A parte empresarial decidiu suspender unilateralmente a negociación o 5 de xuño ás 19:00 h. Na reunión seguinte, apenas oito horas despois, presentou unha proposta considerada inasumible polas centrais sindicais: un incremento de só 100 euros anuais na categoría IV, que pasaría de 17.648,83 a 17.750 euros.

    Na procura dun acordo que permitise desconvocar a folga e avanzar en dereitos, a representación sindical formulou dúas propostas alternativas. Ambas as dúas procuraban melloras salariais progresivas e promoción automática da categoría IV á III:

    — Un escenario a catro anos, con subas de ata 2.000 euros en cada categoría.

    — Un escenario a tres anos, mantendo os mesmos incrementos nos primeiros tres exercicios.

    Os sndicatos denuncian que a patronal «falsea os datos» ao falar de subas do 22,74 %, pois iso implicaría recoñecer que os cadros de persoal levan anos cobrando salarios de miseria. Ademais, empresas como Gadis, Froiz ou Cuevas —con beneficios millonarios nos últimos anos— néganse a equiparar os soldos aos doutras provincias como A Coruña ou Pontevedra.

    Segundo os sindicatos, a categoría III.b en Ourense cobraría en 2027 ata 349 euros menos que na Coruña con datos actuais, e a diferenza podería ser maior se alí se renegocia o convenio en 2026.

    As organizacións sindicais tamén denuncian as presións e ameazas por parte dalgunhas patronais, que estarían tentando coaccionar o persoal para frear a mobilización, que se prevé masiva. De feito, nas primeiras horas deste venres, o seguimento da folga superaba xa o 90%.