Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

A Fundación 1.º de Maio e CCOO procuran propostas e consensos para o futuro do sector eólico en Galicia

    Vigo e Ourense acolleron esta semana os primeiros obradoiros que a Fundación 1.º de Maio (F1M) e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia celebrarán ao longo do mes en varias cidades galegas co obxectivo de buscar propostas e consensos para un desenvolvemento sustentable da enerxía eólica en Galicia que reverta positivamente sobre os territorios e o emprego.

    06/06/2025.
    Xornada en Vigo sobre a enerxía eólica

    Xornada en Vigo sobre a enerxía eólica

    Os obradoiros forman parte do proxecto Sociedade, eólica e traballo; propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto, un estudo que a F1M está a desenvolver co apoio do sindicato e subvencionado pola European Climate Foundation (ECF).

    Estes obradoiros reuniron o xoves, en Vigo, e o venres, en Ourense, persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados co funcionamento actual da enerxía eólica terrestre e o seu desenvolvemento futuro en Galicia. Durante estes encontros intercambiáronse puntos de vista entre as persoas participantes e buscáronse propostas de consenso que permitan un desenvolvemento eólico xusto que facilite a optimización das vantaxes desta tecnoloxía e a minimización dos seus inconvenientes.

    O proxecto pretende impulsar o diálogo entre as partes actualmente en conflito pola enerxía eólica en Galicia, con vistas a unha transición enerxética urxente pero necesariamente xusta, que evite e corrixa os desequilibrios territoriais, compatibilizando o mantemento e a creación de emprego e a mellora das condicións de vida e de traballo da poboación coa necesaria preservación do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural.

    Ata o 13 de xuño haberá obradoiros nas cidades da Coruña, Lugo e Ferrol —este último, dedicado á eólica mariña—. Ao final do proxecto presentarase un documento que recollerá as principais conclusións das discusións mantidas nos obradoiros, así como unha serie de propostas de actuación que permitan avanzar nunha transición enerxética en Galicia e que se trasladarán, posteriormente, aos representantes políticos galegos.