Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

Un obradoiro organizado en Ferrol por CCOO e a Fundación 1.º de Mayo abordou este mércores o futuro da eólica mariña en Galicia

    Ferrol acolleu hoxe o terceiro dos obradoiros que a Fundación 1.º de Mayo (F1M) e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia están a celebrar ao longo do mes en varias cidades galegas co obxectivo de procurar propostas e consensos para un desenvolvemento sustentable da enerxía eólica en Galicia que reverta positivamente nos territorios e no emprego. Os obradoiros forman parte do proxecto Sociedade, eólica e traballo; propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto, un estudo que a F1M está a desenvolver co apoio do Sindicato Nacional de CCOO e subvencionado pola European Climate Foundation (ECF).

    11/06/2025.
    Obradoiro en Ferrol sobre o futuro da enerxía eólica mariña en Galicia

    Obradoiro en Ferrol sobre o futuro da enerxía eólica mariña en Galicia

    Este obradoiro reuniu persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados co sector da enerxía eólica mariña e o seu futuro desenvolvemento en Galicia. Durante o encontro, intercambiáronse puntos de vista entre as persoas participantes e procuráronse propostas de consenso que permitan un desenvolvemento eólico xusto, que facilite a optimización das vantaxes desta tecnoloxía e a minimización dos seus inconvenientes.

    O debate centrouse, principalmente, en catro aspectos: o diálogo anticipado dos promotores eólicos co sector da pesca para procurar a coexistencia entre ambos os usos do espazo marítimo; a negociación de posibles compensacións ao sector pesqueiro; a optimización da zonificación do espazo marítimo mediante criterios de protección ambiental; e o desenvolvemento dos proxectos eólicos no litoral galego de maneira que se priorice a utilización do tecido produtivo autóctono.

    O proxecto pretende impulsar o diálogo entre as partes actualmente en conflito pola enerxía eólica en Galicia, con vistas a unha transición enerxética urxente pero necesariamente xusta, que evite e corrixa os desequilibrios territoriais compatibilizando o mantemento e a creación de emprego, e a mellora das condicións de vida e traballo da poboación, coa necesaria preservación do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural.

    O obradoiro, celebrado no Ateneo Ferrolán, contou coa participación de representantes da administración (local e autonómica), empresas, universidade, organizacións ecoloxistas, sociais e do sindicato.

    O de Ferrol chega tras os obradoiros que xa tiveron lugar en Vigo e Ourense a semana pasada. Mañá será a vez da Coruña e, o venres, Lugo. Ao remate do proxecto presentarase un documento que recolla as principais conclusións das discusións mantidas nos obradoiros, así como unha serie de propostas de actuación que permitan avanzar nunha transición enerxética en Galicia e que se trasladarán, posteriormente, ás representacións políticas galegas.