Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Xullo 2025.

O persoal de alimentación de Ourense mobilízase diante da sede central de Froiz

    Traballadoras e traballadores do sector de alimentación da provincia de Ourense concentráronse este luns fronte á sede central de Froiz, no concello pontevedrés de Poio, para esixir un convenio colectivo digno que garanta salarios xustos e condicións laborais axeitadas.

    23/06/2025.
    Concentración do persoal do sector de alimentación de Ourense diante da sede central de Froiz, en Poio

    Concentración do persoal do sector de alimentación de Ourense diante da sede central de Froiz, en Poio

    A mobilización forma parte do calendario de protestas convocado polas organizacións sindicais ante o bloqueo na negociación do convenio colectivo de alimentación de Ourense, que permanece paralizado desde hai meses. Durante a concentración, o persoal denunciou que, mentres as empresas do sector —como Froiz— manteñen beneficios e expanden o seu negocio, os cadros de persoal seguen a traballar con salarios conxelados, xornadas intensas e sen avances en dereitos laborais.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia lembran que o persoal do sector demostrou sobradamente o seu compromiso e profesionalidade, especialmente nos momentos máis duros da pandemia, e agora exixen un recoñecemento efectivo a través de melloras económicas e sociais.

    Esta acción súmase ás mobilizacións xa realizadas e ás previstas para os vindeiros días. Mañá martes, 24 de xuño, terá lugar unha nova concentración en Ourense, fronte á sede de Cuevas, unha das empresas máis representativas do sector na provincia. Ademais, o mércores 25 de xuño está convocada unha mobilización fronte á central de Gadis, no polígono coruñés da Piadela (Betanzos).