Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Xullo 2025.

O desemprego cae en Galicia no mes de xuño, pero seis de cada dez contratos seguen sendo temporais

    O paro rexistrado reduciuse en Galicia en 4387 persoas (–3,93 %), segundo os datos de xuño coñecidos hoxe. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistrou unha suba de 2316 afiliados e afiliadas (+0,21 %); pero considerando a afiliación media mensual, incrementouse en 7844 (+0,72 %). CCOO considera positivos os datos publicados, pois reflicten unha baixada do desemprego e un incremento da afiliación, aínda que atribúe estes movementos, como é adoito nesta época, á contratación estival.

    02/07/2025.
    Datos do paro rexistrado | Imaxe: Google Street View

    Datos do paro rexistrado | Imaxe: Google Street View

    Un mes máis, as cifras rexistran as mellores marcas, congratúlase o sindicato, pero observa sombras. «O paro evolucionou mellor en Galicia que no conxunto do Estado, e a afiliación tamén. O problema está na calidade do emprego creado e nas actividades en que se concentra. En Galicia, só 28 de cada 100 empregos son indefinidos, fronte aos 42 do conxunto do Estado», expón a secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO, Maica Bouza.

    «Está moi ben chegar a datos históricos de afiliación e de emprego, pero non a calquera prezo», sinala, matizando que se trata de postos de traballo «a baixo custo» e, con iso, con menores dereitos asociados, abunda. «Ao mellor o problema está na nosa estrutura produtiva: nun modelo onde non se crea emprego abondo nos sectores industrial e dos servizos de alto valor engadido. O 60 % do emprego xerado está na hostalaría e no comercio», subliña a sindicalista.

    Precisamente, canto á tipoloxía de emprego creado no último mes, seis de cada dez dos postos novos nos réximes xeral e de autónomos corresponden á hostalaría e ao comercio, certificando o carácter estacional desta suba. Por ese motivo, o sindicato reclama políticas sectoriais, co obxectivo de diversificar a actividade e consolidar a tendencia positiva.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia permanecen no desemprego 46 099 homes (–2096) e 65 542 mulleres (–2291 menos). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, a pesar da boa evolución do mercado laboral. Atendendo ás idades, hai 4011 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (–357) e 103 243 maiores desa idade (–4030 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores: 146 persoas menos no primario (–4,34 %), 373 na industria (–3,51 %), 178 na construción (–2,53 %) e 3251 nos servizos (–4,05 %). O colectivo sen emprego anterior baixa en 439 persoas.

    Análise da contratación

    En xuño rexistráronse en Galicia 72 605 contratos, dos cales 51 965 foron temporais e 20 640 indefinidos; isto é, só 28 de cada 100 contratos asinados non tiñan data de caducidade. O volume de contratación foi superior nun 16,88 % respecto do mes anterior: a contratación indefinida subiu un 10,04 % e a temporal un 19,83 %.

    Afiliación á Seguridade Social

    A afiliación á Seguridade Social situouse no último día do mes en 1 099 106 persoas, tras un incremento de 2316 afiliados e afiliadas (+0,21 %). A afiliación media mensual foi de 1 102 651, unha suba de 7844 con respecto ao mes anterior (+0,72 %). Deste total, 879 662 pertencen ao réxime xeral, 205 113 ao de autónomos e 17 875 ao réxime especial do mar.

    Nos réximes xeral e agrario, a afiliación media incrementouse en 7794 persoas durante o último mes. Desta suba, un 34,74 % corresponde ao sector da hostalería, un 24 % ao do comercio, un 16,42 % ao da sanidade, un 11,92 % a actividades administrativas e un 12 % á industria manufactureira. Pola contra, na educación descendeu a afiliación un 21,26 %, o que supón 1657 empregos menos.

    Prestacións por desemprego

    En maio, 65 246 persoas percibiron algún tipo de prestación por desemprego: 35 138 prestacións contributivas e 30 108 subsidios. En canto aos ERTE de xuño, deron cobertura a 488 persoas: 321 en ERTE por causas ETOP e 167 por forza maior.