Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Marzo 2026.

CCOO reúne a máis de 100 delegadas para presentar e debater o Protocolo contra agresións no SAF

    En palabras de Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO Hábitat, «o SAF merece un plan de perigosidade porque o risco cero non existe». O protocolo establece por primeira vez un marco común.

    07/08/2025.
    Asemblea do SAF (Santiago de Compostela, agosto do 2025)

    Asemblea do SAF (Santiago de Compostela, agosto do 2025)

    Hoxe case 100 delegadas do Servizo de Axuda no Fogar uníronse para esixir un ambiente de traballo seguro e respectuoso. Presentamos e debatimos a fondo o Protocolo contra agresións elaborado por CCOO, entregado previamente para que a participación fose potente e enriquecedora.

    A asemblea contou cunha gran cobertura dos medios de comunicación, que reflicten a importancia e urxencia das demandas do persoal do SAF.

    Este protocolo integral inclúe un compromiso de bo trato, que deberán asumir tanto as familias usuarias como os concellos correspondentes, e a creación dun observatorio de violencia no sector para monitorizar e avanzar cara á dignidade laboral que merece este colectivo.

    En palabras de Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO Hábitat, "o SAF merece un plan de perigosidade porque o risco cero non existe". O protocolo establece por primeira vez un marco común claro con medidas como:

    • Avaliacións obrigatorias de riscos antes de calquera servizo.
    • Traballo en parella en domicilios de risco.
    • Suspensión inmediata ante calquera agresión.
    • Apoio psicolóxico e xurídico real e efectivo.
    • Formación obrigatoria e campañas de sensibilización.
    • Medidas concretas contra usuarios ou familias agresoras.

    Mais como destaca Gesto, "este protocolo por si só non chega". Por iso, reclamamos unha mesa de traballo que reúna a FEGAMP, sindicatos, empresas, concellos, asociacións de usuarios e a Xunta, que debe liderala.

    CCOO defende máis recursos para o sector: máis equipos de valoración na Xunta, máis traballadoras sociais nos concellos, coordinadoras nas empresas, formación consensuada, inspección laboral, e, sobre todo, recoñecemento e prevención reais.

    Tamén se criticou o Bono Coidado promovido pola Xunta, que ofrece 416 euros a familiares ou achegados por substituír traballadoras formadas. "Está ben como complemento, pero os coidados teñen que ser profesionalizados", enfeitizou.

    Como resultado da asemblea, decidimos trasladar o protocolo á FEGAMP para que non quede no papel, senón que se poña en marcha un novo protocolo serio e efectivo entre todas as partes implicadas.

    Seguimos na loita por un SAF digno, seguro e profesional. Non aceptamos máis parches nin promesas baleiras!