Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Abril 2026.

CCOO-Hábitat convoca os grupos parlamentarios para abordar a reforma do Servizo de Axuda no Fogar

    CCOO-Hábitat acaba de solicitar unha reunión urxente cos grupos parlamentarios do PP, BNG e PSOE para analizar a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e trasladarlles propostas de reforma que, segundo o sindicato, resultan imprescindibles para garantir a calidade do servizo e unhas condicións laborais dignas.

    12/08/2025.
    CCOO quere tratar cos grupos parlamentarios a reforma do SAF | Foto: Pixabay

    CCOO quere tratar cos grupos parlamentarios a reforma do SAF | Foto: Pixabay

    A organización sindical advirte que os problemas que afectan ao SAF son de carácter estrutural e non puntuais, polo que coida necesarias reformas profundas que atendan tanto aos dereitos das persoas usuarias como ás condicións das traballadoras, maioritariamente mulleres.

    Entre as medidas que CCOO levará á mesa de diálogo figuran a revisión do dimensionamento dos equipos de valoración da Xunta de Galicia, a mellora das ratios de profesionais de Traballo Social, a reestruturación do sistema de financiamento do SAF e a creación dun marco autonómico común con garantías para traballadoras e persoas usuarias.

    CCOO subliña que estes cambios requiren vontade política, coordinación institucional e capacidade de diálogo, polo que tamén busca recoller as achegas dos grupos parlamentarios.

    Asemblea do sector

    A petición de CCOO-Hábitat aos grupos parlamentarios chega poucos días despois dunha multitudinaria asemblea en que o sindicato reuniu preto de cen delegadas do SAF e presentou un novo protocolo contra agresións. Este documento inclúe medidas como avaliacións obrigatorias de riscos, traballo en parella en domicilios con perigo, suspensión inmediata ante calquera agresión, apoio psicolóxico e xurídico, así como campañas de sensibilización, foi amplamente debatido e apoiado polas asistentes.

    O obxectivo do traballo da Federación do Hábitat de CCOO é evitar que se volvan repetir traxedias como a do Porriño, ondeunha traballadora do SAF foi presuntamente asasinada a mans da parella dunha usuaria do servizo.