Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

O IGE desmente as teses da patronal e confirma que a meirande parte das vacantes se deben á falta de formación axeitada

    Máis da metade das vacantes sen cubrir nas empresas galegas débense á falta de formación ou de perfís profesionais axeitados, segundo o informe publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre vacantes, grao de utilización da capacidade produtiva e indicador de sentimento do sector servizos no segundo trimestre de 2025. En concreto, o 19,44 % dos casos están relacionados coa ausencia de titulación superior STEM, o 5,56 % coa falta de preparación dixital suficiente e o 30,56 % coa carencia doutra formación axeitada.

    14/08/2025.
    Máis da metade das vacantes débense á falta de formación axeitada, segundo o Instituto Galego de Estatística | Foto: Pixabay

    Máis da metade das vacantes débense á falta de formación axeitada, segundo o Instituto Galego de Estatística | Foto: Pixabay

    Para Maica Bouza, secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO, as conclusións deste estudo «desmenten as reiteradas queixas da patronal» sobre as vacantes laborais. Así mesmo, coida que a Xunta de Galicia debe «tomar nota» dos datos proporcionados polo instituto público e «deseñar estratexias eficaces» para adecuar a formación ás necesidades reais das empresas e corrixir a situación.

    A importancia dos aspectos non salariais

    Ademais da falta de formación, outro motivo destacado para non cubrir postos foi que as persoas candidatas non consideraron idóneas outras circunstancias do traballo distintas do salario (31,48 %). Tamén o 14,81 % rexeitaron as condicións económicas ofertadas. «Isto corrobora o que levamos moito tempo dicindo: que as empresas deben facer máis atractivas as ofertas laborais, pero que hai cuestións tan importantes ou máis que o diñeiro», afirma Maica Bouza.

    A meirande parte das vacantes, nas medianas empresas

    O estudo sinala que no segundo trimestre do ano había 14.452 vacantes en empresas de 10 ou máis persoas asalariadas, o que supón un incremento interanual do 20,82 % respecto ao mesmo período de 2024. As empresas con entre 10 e 49 persoas traballando concentran o maior número de prazas dispoñibles, mentres que só o 17,3 % das ofertas requirían titulacións STEM, unha porcentaxe inferior á do ano pasado (22,8 %).

    Por último, o IGE recolle tamén que, en oito de cada dez casos, as empresas non ofertan vacantes porque non precisan incorporar máis persoal.