Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

Reclaman na Coruña un convenio xusto para máis de 20.000 persoas da hostalaría

    A protesta convocada o mércores, 20 de agosto, pola Federación de Servizos de CCOO, xunto con UGT e CIG, reuniu no peirao de Calvo Sotelo da Coruña a numerosas traballadoras e traballadores da hostalaría. A mobilización concentrou persoal chegado de toda a provincia e reclamou desbloquear o convenio, estancado desde maio, que afecta a máis de 20.000 persoas.

    21/08/2025.
    Concentración na Coruña por un convenio xusto para a hostalaría (20/8/2025)

    Concentración na Coruña por un convenio xusto para a hostalaría (20/8/2025)

    Durante a concentración, os sindicatos denunciaron a actitude «obstrucionista e prepotente» da patronal, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais. As persoas manifestantes reuníronse baixo unha pancarta con lema conxunto: «Non á escravitude na hostalaría».

    CCOO responsabilizou directamente á patronal da situación actual, ao manter salarios ancorados no SMI, impor xornadas por riba da legalidade, reducir descansos e mesmo propoñer a eliminación do complemento que garante o cobro íntegro do salario durante as baixas médicas.

    O sindicato rexeitou con firmeza as recentes declaracións de empresarios hostaleiros da Coruña, que atribuían á suposta «falta de vontade» do persoal as dificultades para cubrir vacantes. Pola contra, CCOO recordou que a verdadeira causa radica na negativa empresarial a ofrecer condicións dignas e respectuosas cos dereitos laborais.

    José Mirás, responsable de Hostalaría de CCOO-Servizos en Galicia, lembrou que o sindicato presentou unha plataforma negociadora con dous obxectivos: mellorar as condicións laborais e responder á propia demanda da patronal de atopar persoal. Porén, cando se iniciou a negociación, as propostas foron «inasumibles», coa intención empresarial de suprimir o complemento de incapacidade temporal.

    Segundo a Federación de Servizos de CCOO, esta dinámica impide atraer e reter profesionais e incrementa os problemas de saúde laboral nun sector que xa sofre elevadas taxas de patoloxías musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica. «Queremos traballar sen enfermar», proclamaron as persoas asistentes, lembrando que a situación resulta aínda máis inxusta se se teñen en conta os ingresos crecientes do sector polo turismo e o aumento do custo de vida.

    CCOO insistiu en que a fidelización do persoal require melloras reais: salarios xustos que reflictan o peso económico da hostalaría, horarios compatibles coa conciliación e coa saúde, e o cumprimento estrito do convenio colectivo.

    Así mesmo, o sindicato reclamou á Xunta de Galicia un plan integral de desenvolvemento da hostalaría, ligado ao crecemento turístico do país. Ese plan debería incluír investimento en formación e profesionalización, itinerarios claros de cualificación, un modelo de emprego estable e de calidade —non dependente da temporalidade—, medidas eficaces de prevención en saúde laboral e mecanismos de corresponsabilidade empresarial.

    En conclusión, CCOO subliñou que o futuro da hostalaría galega só será sustentable se se apoia no emprego digno, a profesionalización e a aposta por un modelo estratéxico que poña no centro as persoas traballadoras.