Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO alerta da «descapitalización» do CTAG e esixe a reacción inmediata do seu padroado e da Xunta

    A Federación de Servizos de CCOO manifesta a súa «profunda preocupación» pola «descapitalización» que atravesa o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), derivada da perda de persoal cualificado, proxectos e recursos. En apenas mes e medio, a entidade executou 23 despedimentos (8 disciplinarios en xullo e 15 en agosto), unha situación «inédita» nos 23 anos de traxectoria do centro.

    03/09/2025.
    Instalacións do CTAG

    Instalacións do CTAG

    CCOO advirte de que estes despedimentos supoñen unha perda de capital humano e técnico que sustenta a capacidade de innovación e competitividade do CTAG nun momento crítico para o sector da automoción. Critica, ademais, a falta de implicación dos membros do padroado da Fundación CTAG, entre os que se atopan a Xunta de Galicia, Stellantis, Zona Franca, Borgwarner e outras entidades estratéxicas.

    A Xunta non reacciona

    «O padroado permanece inactivo mentres o centro perde recursos e cadro de persoal, o que acelera un proceso de descapitalización que pode poñer en risco o seu futuro», sinala o secretario xeral da sección sindical de CCOO, David Casal.

    O sindicato solicitou en dúas ocasións unha reunión urxente coa Consellaría de Economía, Industria e Innovación, dirixida por María Jesús Lorenzana, sen obter resposta. «É incomprensible a falta de reacción da Xunta, que forma parte do padroado e debería velar pola estabilidade dunha entidade estratéxica para Galicia», lamentan desde Comisións Obreiras.

    Intervención da Inspección de Traballo

    A denuncia interposta por CCOO a comezos de xullo perante a Inspección de Traballo por un posible ERE encuberto xa deu resultados: a autoridade laboral abriu actuacións e citou formalmente a empresa, obrigándoa a presentar documentación extensa sobre os despedimentos, xornada e salarios. CCOO valora este paso como unha garantía para comprobar se se están a cumprir as obrigas legais.

    «O CTAG é un centro estratéxico para Galicia. Non podemos permitir que a descapitalización e a inacción das institucións poñan en risco o seu futuro. CCOO seguirá defendendo o cadro de persoal con firmeza, responsabilidade e transparencia», conclúe a organización sindical.