Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

O Acordo educativo salva 500 aulas e suma 656 docentes máis en dous cursos

    Os sindicatos que asinaron o Acordo de melloras educativas valoraron este martes o seu estado de aplicación e o comezo do novo curso escolar 2025-26. Fixérono nunha conferencia de prensa na que tomaron a palabra Borja Campos (CCOO-Ensino), Julio Díaz (ANPE) e Cristóbal Salgueiro (UGT).

    09/09/2025.
    De esquerda a dereita, Julio Díaz (ANPE), Borja Campos (CCOO) e Cristóbal Salgueiro (UGT)

    De esquerda a dereita, Julio Díaz (ANPE), Borja Campos (CCOO) e Cristóbal Salgueiro (UGT)

    Freouse o peche de aulas e créanse novos postos

    Desde os sindicatos destacouse que, grazas ao acordo, reverteuse a tendencia de peche de aulas e destrución de emprego de cursos anteriores, consecuencia do devalo demográfico.

    O descenso continuado do alumnado —máis de 16 000 en infantil e primaria desde 2021— provocara a supresión de 239 aulas e ata 334 postos de traballo. Coa entrada en vigor do acordo, rompeuse a tendencia e, ademais, creáronse unidades novas. En resumo, salváronse máis de cincocentas aulas e Galicia conta con 656 profesoras e profesores máis desde o 2023, con incremento tanto de persoal definitivo como provisional.

    Baixada de 'ratios'

    Outro dos contidos do acordo era a baixada de ratios nos diferentes niveis educativos. Neste curso aplicouse con maior fluidez grazas ao traballo da comisión de seguimento do pacto. Porén, persisten problemas derivados da Lei 5/2024 e da súa «aplicación desigual», criticaron os sindicatos.

    Para reforzar o control, CCOO-Ensino e o resto de organizacións asinantes habilitarán un «Punto Laranxa» nas súas webs, aberto tamén á colaboración de familias, para denunciar irregularidades.

    Plan de redución da burocracia

    Outro avance importante é a presentación, en xullo, do Plan de redución da burocracia, que inclúe accións de simplificación e modernización, como a dixitalización de protocolos, a sinatura electrónica, a informatización dos chamamentos de substitucións ou a actualización da aplicación PROENS en FP.

    A aplicación dos diversos aspectos do plan requirirá «o esforzo de todas e todos» durante os próximos cursos, sinalaron.

    Retos pendentes

    Canto ás cuestións pendentes, os tres sindicatos destacaron a redución do horario lectivo a 18 horas en Secundaria, a aplicación das ratios máximas en Secundaria e Bacharelato (25 e 30 respectivamente) e o cómputo dobre ou triplo de alumnado con necesidades específicas.

    CCOO-Ensino, UGT e ANPE reivindicaron que este acordo foi «o único» que trouxo melloras reais para o ensino galego «en anos». Malia que aínda «queda moito traballo por facer e non imos baixar os brazos», puxeron en valor o conseguido, mais deixando claro que, se non houber avances, recorrerán á mobilización e mesmo á folga, sempre desde a unidade de acción e co conxunto da comunidade educativa.