Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Abril 2026.

O persoal da sanidade reclama un Estatuto Marco «para avanzar» que poña en valor profesionais e pacientes

    CCOO, SATSE, UGT, CSIF e CIG-Saúde convocaron este martes concentracións nos hospitais Arquitecto Marcide, CHUAC, HULA, CHUS, CHUOU, Montecelo e Álvaro Cunqueiro para protestar contra o Estatuto Marco. Os sindicatos denuncian que o Ministerio de Sanidade elaborou unha lei «incompleta, parcial e interesada» que non dá resposta a todas as necesidades do persoal da sanidade pública.

    16/09/2025.
    Protesta diante do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) de Santiago de Compostela

    Protesta diante do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) de Santiago de Compostela

    Profesionais de todas as categorías alzaron a voz en defensa dos seus dereitos e demandaron que a nova lei do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde inclúa todos os cambios necesarios para acabar con «anos de recortes, precariedade e discriminación».

    Os sindicatos tamén criticaron que o departamento que dirixe Mónica García rompera, de maneira unilateral, o calendario pactado de reunións para seguir avanzando na mellora desta norma. «Agora quere, ás présa e pola porta de atrás, levar ao Congreso dos Deputados, por interese de oportunidade política, unha lei insuficiente», apuntaron.

    Melloras pendentes

    Nas concentracións de hoxe —simultáneas en todo o Estado, agás na Rexión de Murcia— subliñouse que aínda quedan asuntos moi importantes que acordar para mellorar as condicións laborais do persoal estatutario, e que, desde o inicio das negociacións, hai xa preto de tres anos, foron reclamados polas organizacións sindicais ao longo das preto de corenta reunións mantidas cos responsables do Ministerio de Sanidade.

    Trátase de que a lei inclúa o recoñecemento retributivo que corresponde ao novo modelo de clasificación profesional, que recoñeza a responsabilidade e o nivel formativo que hoxe se esixe a cada categoría do persoal da sanidade, amais da posibilidade de acceder á xubilación voluntaria, xa sexa anticipada ou parcial. Tamén defenden a implantación da xornada laboral de 35 horas en todas as comunidades autónomas, sen excepción, e o recoñecemento do solapamento de xornada, entre outras medidas.

    Os sindicatos entenden que todas estas medidas han formar parte do Estatuto Marco e, posteriormente, aplicarse coa participación doutros ministerios e co desenvolvemento ou modificación das lexislacións que cumpran. Insisten en que o Ministerio quere «botar balóns fóra», aludindo a unha suposta falta de competencias e derivando a outros departamentos. «Sanidade non é unha illa, forma parte dun Goberno que pode e ten que facelo», afirmaron.

    Lei «chave»

    Nas concentracións reiterouse a necesidade e plena disposición dos sindicatos a seguir negociando e lograr «a mellor lei posible», tendo en conta que é a norma «chave» para garantir unha asistencia sanitaria de calidade que satisfaga as necesidades presentes e futuras das persoas usuarias do sistema sanitario público.

    Estas mobilizacións supoñen o inicio dunha fase intensa e conxunta de mobilizacións por parte das organizacións presentes na mesa de negociación. O próximo 1 de outubro, traballadores e traballadoras de todo o Estado volverán protestar e reclamar os seus dereitos fronte á sede do Ministerio de Sanidade, en Madrid.