Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO reclama un tren de proximidade en Galicia e unha lexislación que recoñeza a mobilidade laboral como un dereito

    Con motivo da Semana Europea da Mobilidade, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia esixe que se converta «canto antes» nun proxecto o estudo anunciado polo Goberno de España para implantar o tren de proximidade en catro zonas de Galicia. «Trátase dunha reivindicación histórica do sindicato, fundamental para garantir unha mobilidade laboral accesible e sostible e vertebrar o territorio», salienta o secretario de Transicións de CCOO, Armando Iglesias.

    18/09/2025.
    CCOO reivindica a mobilidade laboral como un dereito

    CCOO reivindica a mobilidade laboral como un dereito

    Ademais, Comisións Obreiras pide que a futura lei de mobilidade sostible, actualmente en negociación, recoñeza a mobilidade laboral como un «dereito social básico e universal». Deste xeito, debe obrigar tanto as empresas como as Administracións a aprobaren plans específicos na materia, eliminando tamén barreiras físicas, cognitivas e burocráticas.

    Esta mesma semana rematou o prazo que a Comisión Europea lle deu a España para deixar sen efecto a prórroga da concesión da autoestrada AP-9, considerada «ilegal» por Bruxelas. Desde CCOO considérase que xa é hora de que esta infraestrutura estratéxica —que conecta directamente cinco das sete cidades galegas— pase a formar parte do patrimonio público e quede libre de peaxes. A clase traballadora «xa pagou dabondo a súa construción e mantemento, e non pode seguir sufragando pagamentos adicionais que empobrecen os petos de quen a usa a diario e engordan a conta de resultados da concesionaria».

    CCOO subliña que a mobilidade non é un privilexio nin un negocio, senón un servizo público e un dereito que debe garantir a igualdade real de acceso. Os desprazamentos laborais non poden seguir sendo un «gasto inasumible» nin unha carreira de obstáculos, senón un dereito garantido que ademais contribúe á saúde ambiental e á loita contra a crise climática.

    Aposta polo transporte público

    CCOO aposta por un transporte público frecuente, accesible e cómodo, que chegue tamén aos barrios periféricos e aos pequenos municipios, con prezos axeitados para todas as economías, incluíndo para iso abonos sociais para colectivos como a mocidade, pensionistas e fogares con baixos ingresos. Estas demandas son especialmente necesarias en Galicia para evitar o illamento da poboación, tanto polo progresivo avellentamento —que dificulta o uso do transporte privado— como pola súa dispersión.

    Por último, o sindicato tamén demanda acelerar a descarbonización do transporte, con apoio á mobilidade eléctrica, ás infraestruturas de recarga, á dixitalización e á seguridade viaria e ferroviaria. Isto, amais de mellorar a sostibilidade, xera emprego industrial e reforza unha transición xusta no cambio de modelo produtivo do sector.