Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Marzo 2026.

CCOO reclámalle á Xunta unha mesa de diálogo social sobre dependencia e recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores

    A Federación de Pensionistas de CCOO presentou hoxe unha nova edición do estudo Observatorio social de las personas mayores, publicación que elaboran anualmente a Federación estatal de Pensionistas de CCOO e a Fundación 1.º de Mayo. Foi nunha conferencia de prensa na sede do sindicato, en Santiago de Compostela, que contou coas intervencións de Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia; Amelia Pérez, secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia; e Juan Sepúlveda, secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas de CCOO.

    25/09/2025.
    De esq. a der., Juan Sepúlveda, Amelia Pérez e Ramiro Otero, na presentación das conclusións do Observatorio

    De esq. a der., Juan Sepúlveda, Amelia Pérez e Ramiro Otero, na presentación das conclusións do Observatorio

    Na súa intervención, Amelia Pérez criticou as longas listaxes de espera no acceso ás prestacións por dependencia, unha situación que «fai que moita xente quede fóra». Sinalou que o sistema «ten que mudar», tanto no relativo ás residencias como ao servizo de axuda no fogar (SAF). A secretaria xeral tamén denunciou que se manteñen as fendas de xénero: mulleres con salarios máis baixos e, posteriormente, pensións de menor contía ca os homes. A sindicalista tamén explicou que CCOO leva tempo demandando á Xunta a convocatoria dunha mesa de diálogo social centrada na política social, coa finalidade de dar resposta ás necesidades expostas polo sindicato e recollidas neste Observatorio.

    Ramiro Otero puxo o foco nos datos de Galicia, onde hai algo máis de 782 000 persoas pensionistas cunha prestación que, de media, é un 15 % inferior á do conxunto de España, como consecuencia de vidas laborais con menores ingresos. Amosou a súa preocupación pola situación económica dunha parte moi relevante do colectivo, con pensións inferiores á mínima. Neste contexto, Otero lembrou que os acordos de pensións non consisten unicamente en revalorizar as prestacións segundo o ipc, senón tamén en mellorar as pensións mínimas. Destacou o papel de CCOO como único sindicato que asinou todos os acordos de pensións desde a volta da democracia a España.

    En materia de dependencia, o secretario xeral da Federación de Pensionistas de Galicia defendeu o dereito a envellecer con dignidade e preto do fogar. Criticou a política de bonos da Xunta, que «privatiza un servizo público e repercute sobre as mulleres a carga dos coidados», e advertiu de que «algo non cadra cando 77 000 persoas en Galicia teñen recoñecido o dereito e, ao mesmo tempo, a poboación maior de 80 anos anda arredor das 380 000». Esta situación evidencia que a cobertura do sistema non é suficiente e non chega a todas as partes.

    Entre as esixencias dirixidas á Xunta, Otero reclamou reforzar o servizo público para reducir as listaxes de espera, ampliar a cobertura do sistema e recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores, suprimido en 2015. «Non pode ser que o 32 % da poboación —en referencia ás persoas de idade— estea á marxe do espazo onde se deciden as políticas que lle afectan», reprobou.

    Pola súa parte, Juan Sepúlveda salientou que a Sanidade en España recibe actualmente un investimento equivalente ao 6,7 % do PIB, cando debería achegarse ao 7,5. Apostou tamén pola creación de emprego de calidade no sector da dependencia, que ocupa a máis de medio millón de persoas en todo o Estado, maioritariamente mulleres. O responsable estatal lembrou ademais que o Observatorio analiza cuestións como a soidade non desexada ou a pobreza enerxética, problemas moi relacionados coa contía das pensións.