Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

28 de setembro de 2025 - Día de acción global polo acceso ao aborto legal e seguro

    Desde hai anos, a despenalización do aborto, a súa legalización e o dereito de todas as mulleres a un acceso á interrupción voluntaria do embarazo (IVE) universal, libre e gratuíta, ocupan en todo o mundo un lugar central na axenda feminista e das organizacións sociais e políticas que apoiamos e defendemos a igualdade e non discriminación das mulleres. 

    28/09/2025.
    A miña voz, a miña decisión

    A miña voz, a miña decisión

    Grazas a esa presión feminista, desde a ONU recoñeceuse, nos anos 90, que os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos. En 2008, o feminismo tamén conseguiu que o Consello de Europa declarara que os Estados membros debían tentar garantir que a interrupción do embarazo sexa unha práctica accesible e segura.

    Porén, hoxe en día seguen sen se cumprir os obxectivos fundamentais desa loita, pois aínda son moitas as mulleres que non poden acceder a este servizo sanitario de maneira gratuíta e libre ou, peor aínda, son moitas as nenas, mozas e mulleres que morren debido a unha mala praxe e condicións de saúde e hixiénicas desapropiadas, provocadas tanto polo tabú arredor do aborto como pola clandestinidade da súa práctica naquelas partes do mundo onde aínda é ilegal.

    Por todo isto, cada 28 de setembro os movementos feministas retoman con forza a clásica consigna: «O meu corpo, a miña decisión».

    Dado que para o patriarcado é fundamental o control do corpo das mulleres, os dereitos sexuais e reprodutivos son unha prioridade na reivindicación feminista e, por iso, as CCOO avogamos por que se recolla como dereito fundamental constitucional en España, coa intención de blindalo fronte aos movementos opresores que pretenden eliminar a actual lexislación (mesmo coas súas eivas evidentes).

    CCOO temos claro que no núcleo da loita sindical feminista segue estando o dereito fundamental a decidir sobre o propio corpo, pois o control patriarcal só promove a impunidade da violencia institucional, obstétrica e de toda índole sobre as mulleres. En especial, a prohibición ou restricións legais no acceso ao aborto xa demostrou que non reduce o número de abortos, pero si eleva o número de mortes de mulleres por prácticas abortivas inseguras e en situacións de precariedade médica (moitos países conservan lexislacións restritivas que xeran inseguridades, outros están eliminando os pasos avanzados).

    De feito, nestes últimos anos, co ascenso da campaña de odio antifeminista da ultradereita internacional e os retrocesos nas lexislacións elaboradas en prol da liberdade sexual e reprodutiva das mulleres, estanse derrogando lexislacións que xa se consideraban consolidadas e que, mesmo sen acadar a normalización do aborto, facilitaban o proceso a aquelas mulleres que o necesitaren.

    Pero os feminismos, sempre en defensa do dereito fundamental a decidir sobre a propia sexualidade, incluída a reprodución, instan a todos os gobernos a desenvolver lexislacións protectoras do dereito fundamental a decidir das mulleres. 

    En España, un pulo importante foi o recoñecemento definitivo en 2023, na regulación, da asistencia obrigada por parte do sistema público de saúde, ao aborto libre[*] e gratuíto, así como o rexeitamento por parte do Tribunal Constitucional da solicitude de inconstitucionalidade da lei por parte do PP.

    Hoxe, o problema reside na descentralización das competencias sanitarias nas comunidades autónomas, que xera desigualdades no acceso ao aborto entre elas; tamén as listaxes de obxección de conciencia promovidas desde a regulación poden dar lugar a problemas de acceso na mesma comunidade.

    De feito, en Galicia, CCOO leva varios anos instando o Goberno da Xunta a que nos facilite datos reais sobre o número de especialistas con que conta esa lista na comunidade, sen ningún éxito. Dado que as denuncias de mulleres que se ven obrigadas a desprazarse para realizar unha ive deben obter resposta, a última solución da Xunta foi promover un proxecto de privatización do servizo; CCOO opúxose contundentemente a isto, pois do que se trata é de que todas as mulleres, sen importar a súa situación familiar, económica, procedencia, etc., teñan cuberto o dereito legal a exercer a súa vontade cando se trata do seu propio corpo, en situación de igualdade, seguridade e gratuidade.

    O tabú arredor do aborto, que complica a súa normalización, e o ruído xerado polos grupos antiabortistas fan que este servizo, que debería facilitarse nas mesmas condicións ca calquera outra prestación sanitaria, se preste sobre todo en centros privados concertados. Isto implica que, mesmo se as intervencións se realizan sen custo, non todas as mulleres terán acceso aos traslados necesarios, ademais de facilitar as situacións de acoso tanto ao persoal traballador destes centros como ás persoas xestantes que acoden a eles para informarse ou para someterse a unha ive.

    Só o dereito blindado protexerá as mulleres, facendo desaparecer as clínicas ilegais e o risco de morte para moitas nenas e mulleres que, por supervivencia, necesitan que se lles practique un ive.

    Temos que educar e promover a igualdade entre mulleres e homes para que a sociedade comprenda, de vez, que a penalización do aborto é un acto discriminatorio contra as mulleres. 

    Tamén debemos impulsar un compromiso real das Administracións públicas e das organizacións sociais na concienciación sobre o imprescindible recoñecemento de que mulleres e homes debemos recibir o mesmo trato e ter os mesmos dereitos, sen que se poida lexislar sobre os corpos das mulleres.

     

    CCOO subliñamos que «fronte aos discursos de odio, o sindicalismo (feminista e) de clase é fundamental»; desde el, loitamos por «un acceso universal, seguro e gratuíto ao dereito ao aborto, respectando a liberdade de elección das mulleres verbo dos métodos cos que se realizan as ive (instrumental e farmacolóxico) e protexendo a todos e todas as profesionais fronte aos acosos e o estigma». (Revista Trabajadora, nº 87).

    Este 28 de setembro de 2025, volvemos animar a afiliación e a todas as persoas que compoñen as CCOO en Galicia a unírense ás manifestacións convocadas en todo o país en prol do dereito a un aborto universal, libre e gratuíto para todas as mulleres, e reiteramos o noso compromiso na loita para que ningunha muller ou nena sexa forzada a levar a termo un embarazo que poida provocarlle unha eiva física, mental ou social e que poida facelo na seguridade social.

     

    O feminismo sindical de CCOO transforma!

    #AfiliadasXuntasFortes!Combatendo a discriminación de xénero!

     

    ABORTO LIBRE, GRATUÍTO E NA SANIDADE PÚBLICA, XA!

    CCOO por un aborto legal e seguro, libre de penalización e para todas as mulleres e nenas!


    [*] Segundo prazos establecidos na legislación vixente.