Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

Galicia é unha das comunidades onde se fan máis horas extras, destaca un informe de CCOO

    Galicia é unha das comunidades con maior número de horas extras en proporción á súa poboación asalariada. De feito, ten un peso superior á media estatal tanto nas horas pagadas como nas non pagadas. Esta é unha das principais conclusións extraídas polo Gabinete Confederal de Datos Económicos de CCOO, a partir dos microdatos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), sobre a distribución das horas extraordinarias en España durante o ano 2024.

    09/10/2025.
    CCOO lembra que as horas extras han ser aboadas consonte a lexislación | Foto: Canva.com

    CCOO lembra que as horas extras han ser aboadas consonte a lexislación | Foto: Canva.com

    O ano pasado fixéronse en Galicia 253 335 horas extras semanais pagadas, realizadas por 29 600 persoas, e 175 918 horas non pagadas, a cargo de 23 209 persoas; isto significa que cada traballador ou traballadora galega completou unha media semanal de 8,6 horas pagadas e 7,6 non pagadas. No caso das persoas que realizaron horas extras pagadas, cabe destacar que supoñen o 3,16 % da poboación asalariada galega, de algo menos dun millón de persoas (935 188), mentres que as non pagadas representan o 2,48 %.

    Un peso por riba da media

    Galicia representa aproximadamente o 5,07 % do total de persoas asalariadas en España, mais contribúe cun 6,32 % das horas pagadas e cun 6,46 % das horas non pagadas no ámbito estatal. Isto significa que, proporcionalmente, a intensidade de traballo extraordinario en Galicia é superior á media estatal, tanto en horas remuneradas como en horas que non se compensan economicamente.

    Aínda que Cataluña (668 593), a Comunidade Valenciana (623 506) e Madrid (620 948) encabezan a táboa estatal de horas extra pagadas, Galicia sitúase nun nivel intermedio, por diante de territorios como Castela e León (186 131), Castela-A Mancha (167 154), Aragón (155 377) ou as Baleares (140 825). No caso das horas non pagadas, só Madrid, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Andalucía rexistran cifras máis elevadas ca Galicia.

    Un volume significativo de traballo non remunerado

    Os datos de CCOO confirman que Galicia xera un volume de traballo non pagado superior ao que lle correspondería pola súa base de persoal asalariado, «o que evidencia a persistencia de prácticas empresariais que vulneran o dereito á compensación económica ou en tempo de descanso».

    Para o sindicato, é a constatación de que as empresas abusan da prolongación irregular da xornada «para incrementaren a súa marxe de beneficios á custa das persoas traballadoras e do conxunto da sociedade». Por esta razón, lembra que todas as horas efectivamente traballadoras han ser aboadas e cotizar por elas consonte a lexislación laboral.

    Por último, Comisións Obreiras insta a reforzar os mecanismos de control e inspección. Así mesmo, lémbralles ás persoas traballadoras que poden acudir ao sindicato para recibir asesoramento se cren que se poden estar a vulnerar os seus dereitos laborais.