Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO-Ensino e UGT-SP rexeitan o «engano» e a «instrumentalización» da CIG da folga nos sectores de discapacidade, escolas infantís e menores

    CCOO-Ensino e UGT-SP de Galicia denuncian publicamente a irresponsabilidade amosada por parte da CIG co último comunicado sobre mobilización nos sectores de atención á discapacidade, escolas infantís de 0-3 anos e protección de menores en Galicia coa pretensión de esixir convenios autonómicos. Segundo estas organizacións, non se pode enganar as persoas traballadoras nin instrumentalizalas con fins puramente políticos.

    13/10/2025.
    CCOO e UGT non ven viable a convocatoria da CIG e acusan a este sindicato de «enganar»

    CCOO e UGT non ven viable a convocatoria da CIG e acusan a este sindicato de «enganar»

    Ambos os sindicatos afirman que non toleran que se xogue coas expectativas e dereitos de profesionais que desenvolven un labor esencial, baseando a convocatoria nunha promesa baleira e sen sustento na realidade da negociación colectiva.

    A convocatoria de folga segue, segundo CCOO-Ensino e UGT-SP, o modus operandi habitual da CIG: actuar de forma unilateral, desprezando calquera indicio de unidade sindical. Aseguran que a CIG non estableceu ningún tipo de contacto co resto das organizacións sindicais representativas nestes sectores antes de facer pública a súa decisión. Esta estratexia de ruptura e illamento, engaden, prexudica directamente as persoas traballadoras destes sectores. Unha folga en servizos esenciais, para ter posibilidades de éxito, require consenso, forza e unha estratexia viable. Ao actuar en solitario, a CIG reduce a presión efectiva sobre a Xunta e as patronais, condenando a mobilización a ser un acto simbólico con custo económico para o persoal.

    Con respecto á viabilidade dun marco autonómico de negociación, CCOO-Ensino e UGT-SP quixeron ser moi claros e operar con absoluta honestidade:

    No sector de atención á discapacidade e protección de menores: segundo sinalaron, a CIG convoca unha folga sabendo perfectamente da postura firme e coñecida das patronais destes sectores, que xa manifestaron de forma pública e reiterada que non negociarán un convenio autonómico con melloras salariais e laborais sen contar previamente co amparo e compromiso económico expreso da Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e outras implicadas). Sen un incremento substancial e garantido do módulo ou prezo-praza por parte da Xunta, calquera mesa de negociación autonómica está abocada ao fracaso e ao bloqueo inmediato.

    No sector de escolas infantís de 0-3 anos: nas escolas de xestión privada e indirecta en Galicia, a folga carece aínda máis de sentido pola inexistencia dunha patronal única e representativa no ámbito autonómico que poida constituír legalmente unha mesa de negociación para un convenio galego. Para CCOO-Ensino e UGT-SP, é absolutamente inviable a negociación de marco autonómico a curto ou medio prazo.

    Ademais, ambos os sindicatos fixeron fincapé nun aspecto crucial que, ao seu xuízo, a CIG omite: a folga nestes sectores esenciais choca de xeito inevitable cunha imposición de servizos mínimos profundamente abusiva por parte da Xunta de Galicia. Esta situación xa se viviu de forma dramática nas folgas do sector das escolas infantís que CCOO-Ensino e UGT-SP convocaron no ano 2023. Nesa ocasión, os sindicatos promotores xudicializaron a decisión da Xunta e, lamentablemente, a Xustiza validou os servizos mínimos impostos, desestimando os recursos presentados. Esta circunstancia, afirman, debilita o posible éxito da convocatoria e por iso é absolutamente necesario actuar con firme e decidida unidade sindical.

    Para CCOO-Ensino e UGT-SP, esta realidade demostra que calquera nova convocatoria de folga co obxectivo dun convenio autonómico, ademais de ser inviable pola falta de financiamento e de interlocutor lexítimo, expón as traballadoras a un novo desconto salarial sen capacidade real de presión efectiva.

    As organizacións sindicais conclúen que a folga convocada pola CIG é inviable, unilateral e irresponsable. Por iso, instan a CIG a actuar con responsabilidade e rigor sindical e a non facer demagoxia cos dereitos e co peto das persoas traballadoras.