Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO denuncia que o Sergas destrúe as prazas de medicina de familia e «liquida a mobilidade» na atención primaria

    A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia que o Sergas eliminará todas as prazas de medicina de familia sen gardas obrigatorias e converteraas en prazas de facultativo ou facultativa especialista de atención primaria (FEAP), con gardas obrigatorias. A decisión, comunicada na última mesa sectorial, deixa sen opción de traslado este persoal «e impón por decreto condicións laborais máis duras, sen negociación nin respecto polos acordos vixentes», critica o sindicato.

    20/10/2025.
    Sede da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia

    Sede da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia

    CCOO lembra a súa oposición á creación da categoría de FEAP, prevista na Lei de medidas fiscais e administrativas de 2021, advertindo xa daquela que pretendía «burlar o dereito de mobilidade e impoñer gardas obrigatorias» incluso ao persoal que estaba exento por razón de idade —a partir dos 55 anos.

    De feito, a Federación de Sanidade ten denunciadas as 77 prazas de FEAP incluídas no actual concurso de traslados, xa que moitas non son de difícil cobertura e están en zonas urbanas, «o que demostra a arbitrariedade e o engano con que se emprega esta figura», subliña o sindicato.

    CCOO abandona o Consello Técnico de Atención Primaria

    Por outra parte, CCOO comunica a súa saída do Consello Técnico de Atención Primaria —creado tras a folga de 2019— por consideralo un órgano «inoperante e sen utilidade real». O sindicato concentrará a súa acción na mesa sectorial e na defensa do persoal afectado por esta «nova agresión do Sergas», afirma.

    Por último, canto á cobertura dos sábados pola mañá a partir de 2026, o Sergas anunciou que será asumida polo persoal dos PAC tras un cambio normativo. Porén, non concreta efectivos nin modelo asistencial, deixando todo ao criterio das xerencias. «Se o Sergas delega todas as decisións, podería prescindir da súa Dirección de Recursos Humanos, que evidencia unha falta total de planificación e responsabilidade», conclúe o sindicato.