Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO denuncia a deriva privatizadora e a incoherencia do Concello de Lugo

    A Sección Sindical de Comisións Obreiras no Concello de Lugo rexistrou o mércores tres escritos na Subdelegación do Goberno para dicir «basta xa» ante o que consideran unha «deriva privatizadora» e «falta de diálogo social» por parte da Administración local.

    23/10/2025.
    CCOO rexistrou na Subdelegación do Goberno en Lugo tres escritos denunciando a «situación límite» dos servizos públicos locais

    CCOO rexistrou na Subdelegación do Goberno en Lugo tres escritos denunciando a «situación límite» dos servizos públicos locais

    O sindicato entregou tres cartas dirixidas ao presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez; á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz; e á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

    Segundo CCOO, trátase dun «chamamento desesperado e documentado» ante o «desprezo absoluto» ao diálogo social, así como pola privatización de servizos públicos e a incoherencia política «do Goberno progresista de Lugo».

    O sindicato denuncia que o bipartito local, integrado por PSdeG e BNG, aplica unha política de «traizón aos seus propios principios». «Presumen de ser de esquerdas e de defender o público, pero a realidade é outra: venden e privatizan servizos mentres esquecen o cadro de persoal municipal», advirte a organización, que tamén critica «o uso do desvío orzamentario como principal instrumento de xestión».

    Situación «límite»

    Segundo CCOO, o Concello está «a baleirar a partida económica destinada a cubrir vacantes e reforzar o persoal para financiar gastos alleos». A consecuencia é «unha situación límite nos servizos municipais, que esixe moito máis ca xestos simbólicos».

    «Mentres se gardan minutos de silencio por vítimas de violencia machista, no Concello deixan caducar unha praza nos pisos de acollida para mulleres e menores. Esa incoherencia é inaceptable», reprocha Comisións Obreiras.

    Para o sindicato, o Concello «non só está colapsado, senón que se converteu nun buraco negro que devora o público, a igualdade e a xustiza social coa complicidade de quen debería defendelos».