Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO e a Fundación 1.º de Mayo reclaman un desenvolvemento eólico socialmente xusto

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 1.º de Mayo reuníronse o pasado 20 de outubro con representantes das principais forzas políticas galegas para abordaren o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia. Os encontros realizáronse ao abeiro do proxecto «Sociedade, eólica e traballo: propostas para un modelo de desenvolvemento eólico socialmente xusto».

    22/10/2025.
    A secretaria xeral de CCOO (centro) e o secretario de Transicións (esquerda), xunto con representantes da Fundación 1.º de Mayo, na entrada ao Parlamento de Galicia

    A secretaria xeral de CCOO (centro) e o secretario de Transicións (esquerda), xunto con representantes da Fundación 1.º de Mayo, na entrada ao Parlamento de Galicia

    O obxectivo destes encontros foi trasladar ás formacións políticas as conclusións e propostas elaboradas no estudo, de maneira que poidan incorporalas ao seu traballo parlamentario e aos programas de acción. Con iso preténdese favorecer un avance equilibrado da enerxía eólica, compatible co patrimonio natural e cultural galego, e superar a situación de bloqueo que vive o sector, especialmente no ámbito da eólica mariña.

    As reunións co PSdeG e co PPdeG tiveron lugar no Parlamento de Galicia, mentres que o encontro con Sumar se desenvolveu na sede nacional de CCOO, en Santiago de Compostela. O encontro previsto co BNG tivo que pospoñerse por cuestións de axenda e celebrarase proximamente por vía telemática.

    Valoración positiva

    En todos os casos, as formacións políticas valoraron positivamente o proxecto por ofrecer un espazo de diálogo plural e sereno sobre unha cuestión complexa. As propostas foron acollidas de forma xeralmente favorable, con diferentes graos de interese segundo a orientación política de cada interlocutor.

    Os partidos da oposición mostraron maior afinidade coas propostas críticas sobre o actual modelo da eólica terrestre, mentres que o partido de goberno centrou a súa atención no desenvolvemento da eólica mariña, competencia do Executivo central. 

    A Fundación 1.º de Mayo e CCOO presentarán publicamente os resultados do proxecto o vindeiro martes, 28 de outubro, en Santiago de Compostela, nunha xornada que incluirá mesas de debate sobre eólica terrestre, eólica mariña e o papel dos partidos políticos ante o reto do desenvolvemento enerxético en Galicia.