Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO denuncia a pretensión do PP de controlar politicamente a transparencia en Galicia e coida positivo o labor da Valedora

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denuncia o intento da Xunta de Galicia, apoiada na maioría absoluta do Partido Popular, de retirarlle á Valedora do Pobo as competencias de control en materia de transparencia. O sindicato alerta de que esta modificación, incluída na lei de acompañamento dos orzamentos para 2026, pretende cambiar ducias de normas mediante un procedemento que evita o debate e sen achegar informes sectoriais. O obxectivo, afirma o sindicato, é limitar a independencia institucional da Valedora e da Comisión da Transparencia adscrita a ela.

    23/10/2025.
    Sede da institución da Valedoría do Pobo de Galicia

    Sede da institución da Valedoría do Pobo de Galicia

    CCOO subliña que, mentres o proceso de elección da Valedora do Pobo require unha maioría cualificada que obriga á negociación coa oposición, o PP pode impoñer a súa maioría na designación dos membros do Consello Consultivo. Isto comprometería a pluralidade e a neutralidade de quen dirixa a protección da transparencia e o bo goberno en Galicia.

    A organización sindical manifesta o seu firme apoio e recoñecemento ao «excelente labor» da Valedora do Pobo como comisionada da transparencia, así como da propia Comisión da Transparencia. Desde a entrada en vigor da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Valedora asumiu a misión de investigar posibles incumprimentos dos poderes públicos e resolver as reclamacións relativas ao acceso á información pública.

    Segundo CCOO, tanto a Valedora como a Comisión cumpriron «de maneira exemplar» as súas funcións: adoptaron recomendacións para mellorar o cumprimento das obrigas legais, vixían a publicidade activa e elaboran informes previos sobre proxectos de lei, ademais de incluír un apartado específico sobre transparencia no informe anual ao Parlamento de Galicia.

    «Baluarte da rendición de contas»

    Durante este período, a Comisión da Transparencia demostrou ser un «verdadeiro baluarte da rendición de contas», emitindo numerosas resolucións que obrigaron a Xunta e outras Administracións a facer pública información que inicialmente se negaran a facilitar. «Moitas destas decisións favoreceron a transparencia fronte ao silencio administrativo e outras trabas impostas, principalmente pola Xunta», abunda o sindicato.

    Para CCOO, a investigación de posibles incumprimentos e a resolución de reclamacións sobre o acceso á información pública son «tarefas fundamentais para garantir os dereitos das persoas traballadoras e a igualdade de trato da cidadanía», evitando abusos e impedindo a ocultación de informes e expedientes públicos.

    Por todo isto, CCOO apela á responsabilidade dos deputados e deputadas do Parlamento de Galicia para que manteñan a independencia institucional dos órganos de control dos poderes públicos e preserven as competencias de transparencia na institución da Valedora do Pobo.