Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO, UGT e CSIF mobilízanse en defensa dos dereitos do persoal do sector público

    CCOO, UGT e CSIF reclamáronlle hoxe ao ministro para a Transformación Dixital e a Función Pública, Óscar López, a apertura «inmediata» da mesa de negociación para garantir melloras salariais, máis emprego público e condicións laborais dignas para máis de tres millóns e medio de traballadoras e traballadores do sector público, dos que 177 000 pertencen a Galicia. As concentracións desenvolvéronse fronte ao Ministerio en Madrid e perante as delegacións e subdelegacións do Goberno en todo o Estado, incluídas as da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

    30/10/2025.
    Concentración de CCOO, UGT e CSIF fronte á Delegación do Goberno na Coruña

    Concentración de CCOO, UGT e CSIF fronte á Delegación do Goberno na Coruña

    Se o Ministerio segue sen atender as demandas sindicais, intensificaranse as mobilizacións e non descartan convocar unha folga no ámbito. «A decisión está nas mans do ministro: ou senta a negociar ou a protesta continuará», subliñaron.

    CCOO, xunto con UGT e CSIF, reivindicou a necesidade de reverter a deterioración dos servizos públicos, consecuencia da falta de persoal, do envellecemento dos cadros de persoal e da desmotivación derivada da perda de poder adquisitivo e de dereitos nas dúas últimas décadas. A situación afecta á calidade da Sanidade, da Educación, da Xustiza, dos Servizos Sociais e da Administración en xeral, e tradúcese —explicaron— nun crecente malestar social ante a deterioración dos servizos esenciais.

    As organizacións sindicais reclaman un novo acordo plurianual que garanta subas salariais, estabilidade e creación de emprego público, así como a modernización das Administracións para facelas máis accesibles, de calidade e ao servizo da cidadanía.

    «Hai que recuperar e dignificar o emprego público e deseñar unhas Administracións dimensionadas ao estado do benestar, que sexan motivo de orgullo colectivo», salientou CCOO, que insistiu en que só a negociación e o diálogo permitirán avanzar cara a uns servizos públicos modernos e sólidos.