Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

Os sindicatos da mesa sectorial do Sergas convocan folga na atención primaria ante o intento da Xunta de mudar o modelo asistencial

    As organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de sanidade —CCOO, CIG-Saúde, CSIF e UGT— anuncian mobilizacións e unha xornada de folga o mércores, 26 de novembro, para rexeitar o novo modelo de atención primaria impulsado pola Consellaría de Sanidade.

    31/10/2025.
    Sede da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia

    Sede da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia

    Os sindicatos denuncian que as medidas avanzadas polo departamento autonómico supoñen unha modificación substancial e «moi penosa» das condicións de traballo do persoal sanitario. Tamén coidan que empeorará a calidade da asistencia.

    Segundo as organizacións sindicais, o texto —presentado a mediados de outubro— é improvisado, insuficiente e sen contido real, e non dá resposta ás súas demandas sobre planificación, ratios de persoal, carga de traballo ou estabilidade laboral. A atención primaria en Galicia vive unha «situación crítica», e o Sergas non pode continuar agochando a súa falta de planificación detrás de documentos baleiros.

    CCOO, CIG-Saúde, CSIF e UGT xa lle entregaron á Consellaría de Sanidade un documento con propostas comúns que inclúen a reconversión das prazas de FEAP en médicas/os de familia, a entrega de datos desagregados por centros, un plan de actuación a curto, medio e longo prazo e mais o desenvolvemento do concurso de enfermaría familiar e comunitaria.