Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO insta a Xunta a «facer política para os galegos e as galegas» e así reverter a tendencia do emprego en Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) insta a Xunta de Galicia a «facer política para os galegos e as galegas», aproveitando para iso os orzamentos autonómicos do 2026. Con esta demanda, o sindicato agarda que o Goberno autonómico tome as medidas necesarias para reverter a tendencia do mercado laboral galego, que no mes de outubro amosou unha evolución moito peor ca a media estatal. Así o revelan os datos do paro rexistrado, coñecidos hoxe, que indican unha suba do desemprego e a perda de afiliación á Seguridade Social.

    04/11/2025.
    O paro rexistrado subiu en Galicia respecto do mes anterior

    O paro rexistrado subiu en Galicia respecto do mes anterior

    Os datos do paro rexistrado sinalan unha suba en Galicia de 301 persoas (+0,27 %) inferior á experimentado no conxunto do Estado (+0,91 %). Pola súa parte, a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha caída de 149 afiliados e afiliadas (–0,01 %).

    No Estado, a tendencia é a contraria cun crecemento da afiliación do 0,18 %. Considerando os datos da afiliación media mensual, diminúe en 1019 persoas (–0,09 %), pero en España sobe (+0,65 %). Polo tanto, «a evolución do emprego é peor en Galicia ca na media española», censura Maica Bouza, secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO.

    Os datos publicados hoxe «seguen respondendo ao remate das contratacións de verán» —explica a sindicalista—, pois sete de cada dez persoas que se incorporan ao desemprego proceden do sector dos servizos. «A suba do paro no mes de outubro non é unha boa nova, pero responde á dinámica habitual do mercado de traballo galego e español», subliña Bouza.

    «O que é unha mala noticia, moi mala, son as maiores dificultades que ten Galicia para crear emprego respecto do que pasa no Estado. E ante iso algo terán que ver as políticas, ou máis ben a ausencia delas, que desenvolva a Xunta de Galicia», advirte a sindicalista, que avoga por «algo máis ca turismo».

    Na súa opinión, Galicia necesita «medrar, crear emprego de calidade, incrementar a súa poboación e converxer co Estado e con Europa». Para isto cómpren un sector industrial forte e un sector de servizos de alto valor engadido e recoller nos orzamentos esta aposta.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 113 386 persoas: 46 653 homes e 66 733 mulleres. O desemprego medra nos homes (+792) e redúcese nas mulleres (–491). Malia que o desemprego masculino aumenta e o feminino cae, non se reduce a fenda de xénero: seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    Atendendo ás idades, hai 5123 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego e 108 263 maiores desa idade. O desemprego aumenta en 203 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as maiores se incrementa en 98. Non obstante, en termos porcentuais, o incremento na mocidade é superior ca nas persoas maiores: 4,12 % fronte a 0,09 %

    O paro sobe no sector primario, onde hai 172 persoas desempregadas máis (+5,37 %) e 471 nos servizos (+0,57 %); pola contra, o paro cae na industria –172 (–0,68 %) e na construción en 90 persoas (–1,31 %). O colectivo sen emprego anterior diminúe en 79 persoas.

    Análise da contratación

    No mes de outubro fixéronse 68 648 contratos en Galicia (–1,16 %). O groso deles son temporais (45 738 fronte a 22 910 indefinidos). Cómpre sinalar que se reduce tanto o emprego indefinido (–1,31 %) coma o temporal, que mingua un –14,59 %. A maior redución do emprego temporal fai que o peso da contratación indefinida sobre o total sexa maior: deste xeito, 33 de cada 100 contratos que se asinan en Galicia non teñen data de caducidade, mentres que antes da reforma laboral a proporción era 10 de cada 100. Sendo «moi positivo» este dato, Maica Bouza advirte que «segue sendo peor que no conxunto do Estado, onde 43 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos».

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 149 persoas, ata situarse en 1 095 388 afiliados e afiliadas, rexistrando unha redución do –0,01 % con respecto ao mes anterior —como se indicou, a media estatal medra un 0,18 %—. Ademais, CCOO destaca o «peso crecente» da afiliación estranxeira: nesta data hai 77 135 persoas estranxeiras afiliadas á Seguridade Social en Galicia, un 7,04 % do total, mentres que hai un ano representaban o 6,25 %.

    Por outra banda, a afiliación media mensual redúcese en 1019 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 102 984. Deste total, 880 185 corresponden ao réxime xeral, 204 654 ao de persoas autónomas e 18 144 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un –0,09 %, mentres que no Estado medra un +0,65 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, constátase que no mes de outubro cae a afiliación «de maneira significativa» na hostalaría (–2998 empregos), no comercio (–1327), na Administración pública (–1387) e na sanidade (–1029). Pola contra, as actividades en que máis emprego se crea son a educación (+5894) e o transporte (+670). A evolución mensual «reflicte con claridade o remate das contratacións de temporada e a recuperación da normalidade nas actividades educativas», explica a sindicalista.

    Prestacións por desemprego

    En setembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 61 302 persoas: 36 056 prestacións contributivas e 25 246 subsidios. Canto aos ERTE do mes de outubro, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 716 a final do mes, das cales 657 estaban en ERTE ETOP e 59 en ERTE de forza maior.