Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

O comité convoca doce días de folga en Ence contra o ERE na fábrica de Pontevedra

    O comité de empresa de ENCE-Pontevedra, integrado por CCOO, UGT e CIG, anunciou hoxe a convocatoria de doce días de folga ao longo do mes de novembro. As xornadas de paro realizaranse os días 8, 11, 12, 15, 18, 19, 22, 23, 25, 26, 29 e 30, en resposta ao que os sindicatos cualifican como unha «ofensiva sen precedentes» da dirección contra o cadro de persoal e contra os compromisos asumidos coa comarca e co emprego industrial.

    07/11/2025.
    O comité de empresa de ENCE convoca doce días de folga en Pontevedra

    O comité de empresa de ENCE convoca doce días de folga en Pontevedra

    O secretario do comité de empresa, Omar Vázquez (CCOO), afirmou que a empresa está a impor un escenario de ruptura total co diálogo e denunciou que Ence pretende forzar un despedimento colectivo sen garantías legais. Explicou que os sindicatos non podían «responder doutra maneira ante a ameaza directa dun despedimento colectivo» e subliñou que o persoal manterá a unidade porque «se algo temos claro é que non renunciamos a defender cada posto de traballo».

    Vázquez lembrou que ENCE incumpriu «reiteradamente» os compromisos adquiridos tras lograr a seguridade xurídica para continuar en Pontevedra. Sinalou que os investimentos anunciados non chegaron, que o plan Pontevedra Avanza continúa paralizado e que mesmo se incumpriu o pactado en materia de seguridade e saúde laboral. Advertiu tamén dos recortes en servizos auxiliares, que están a xerar condicións insalubres e inseguras malia os requirimentos da Inspección de Traballo.

    Plan «de incompetencia total»

    O comité considera que o chamado «plan de competitividade» non responde a melloras produtivas nin tecnolóxicas, senón a unha redución directa de persoal. Vázquez cualificou o proxecto como «un plan de incompetencia total disfrazado de competitividade» e rexeitou que a empresa queira xustificar os despedimentos en custos salariais que representan «unha porcentaxe ridícula no custo de produción». Criticou, ademais, que a dirección afirme necesitar despedimentos para obter caixa coa que realizar investimentos, unha posición que cualificou de «auténtico despropósito».

    Os sindicatos denunciaron presións constantes ao comité para forzar a aceptación dun despedimento colectivo por fóra dos cauces legais, e aseguraron que a empresa rompeu reunións, negou información relevante e tentou impoñer unha comisión «irregular» de negociación. Lembraron tamén que a dirección impuxo servizos mínimos abusivos e difundiu «información falsa» entre o persoal, ao tempo que introducía ameazas sobre unha posible perda de máis postos de traballo ou mesmo sobre o peche da fábrica.

    Visitas de directivos de Altri

    Durante o proceso, producíronse visitas de directivos de Altri ás instalacións de Pontevedra e Navia (Asturias), o que, segundo os sindicatos, incrementa o temor a unha operación corporativa acompañada dunha redución previa de persoal. Engadiron que o conflito afecta tamén ás empresas auxiliares e aos transportistas, que tampouco están a ser escoitados pola compañía.

    CCOO, UGT e CIG instan as administracións públicas, especialmente a autonómica, que fagan valer os compromisos asumidos en materia de emprego, investimento e continuidade industrial e que obriguen ENCE a respectar o prometido. Os sindicatos reiteran que non renuncian a ningún posto de traballo e chaman á sociedade e ás institucións a apoiar un conflito que consideran determinante para o futuro industrial da comarca.