Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

CCOO asina o I Convenio Colectivo da empresa INSUIÑA, S. L. do Grupo NOVA PESCANOVA

    CCOO Industria Galicia considera positivo este resultado froito da acción sindical, a negociación e do diálogo: consolida dereitos, avanza en conciliación e seguridade.

    12/11/2025.
    Planta de Insuiña en Chapela (Redondela) | Foto: Pescanova.com

    Planta de Insuiña en Chapela (Redondela) | Foto: Pescanova.com

    Na reunión celebrada o día 12 de novembro de 2025, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, CCOO de Industria asinou o I Convenio Colectivo de INSUIÑA, S. L., que terá unha vixencia de catro anos (2024-2027) e que recolle unha suba salarial do 5 % durante este período, con incrementos salariais progresivos: 0,5 % en 2025; 2,5 % en 2026; 2 % en 2027. Estes incrementos serán adicionais aos aplicados polo Convenio Colectivo estatal para a acuicultura (6 %), 3 % en 2024 e 3 % en 2025. No convenio establécese unha cláusula de garantía salarial, con revisión de ata o 1 %; por encima do 1 % aplicarase un 75 % adicional do diferencial do IPC. Ademais, aboarase unha paga lineal de 300 euros en 2025.

    O convenio rubricado mellora substancialmente as condicións laborais das persoas traballadoras da empresa INSUIÑA, e séguese mantendo subsidiariamente o convenio sectorial (estatal de acuicultura) como referencia marco. O acordo asínase tras alcanzar un preacordo no AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo), o día 10 de xullo de 2025, con papel determinante de CCOO Industria. O preacordo ratificárono as persoas traballadoras en asemblea o pasado 14 de xullo de 2025, contando co voto favorable do 80 % do persoal.

    O novo texto incorpora un total de dezaseis horas de redución de xornada, que diminuirán en doce horas en 2025 e outras catro adicionais en 2026, quedando a xornada en 1736 horas anuais. A pausa de 15 minutos terá a consideración de tempo de traballo efectivo. As vacacións serán de 30 días naturais e os días 24 e 31 de decembro terán, con carácter xeral, a consideración de non laborables; só traballará o persoal mínimo para o mantemento das instalacións e retribuiranse como días festivos, conforme as contías establecidas para cada ano no plus de domingos e festivos. Tamén se retribuirán as noites do 24 e 31 de decembro cun complemento de nocturnidade específico para esas datas.

    Mellórase de forma progresiva o plus de domingos e festivos, e o complemento de nocturnidade increméntase en máis dun 100 %, pasando a ser de 16 €/noite en 2025.

    Fíxase unha paga de beneficios vinculada aos resultados anuais da empresa e un fondo social de 15 000 euros; aumentan todas as contías do seguro de vida e invalidez, hai melloras no plus de dispoñibilidade e a ponse en marcha o complemento de quenda, así como incrementos nas locomocións.

    Cabe destacar a mellora en permisos retribuídos, así como a adaptación dos permisos ás modificacións lexislativas. Mellórase a excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo.

    Establécese un novo cadro de grupos profesionais e niveis, co que se procede á reclasificación do persoal, o que supón que impulsa a reclasificación a niveis superiores de oito de cada dez persoas traballadoras.

    As medidas acordadas tamén inclúen a ampliación dos factores de risco nos recoñecementos médicos; a xubilación parcial (contrato substitución); unha axuda para descendentes menores con discapacidade; a posta en marcha de protocolos LGTBI, o traballo a distancia e a desconexión dixital.

    A nosa valoración

    Para CCOO Industria Galicia a valoración do acordo é positiva. Este resultado é froito da acción sindical, a negociación e o diálogo: consolida dereitos, avanza en conciliación e seguridade.

    Sobre a empresa INSUIÑA, S. L.

    • O persoal de INSUIÑA compóñeno un total de 170 traballadores e traballadoras.
    • A representatividade na empresa INSUIÑA, S. L. correspóndelles aos sindicatos CCOO Industria e a CIG, estando constituída a Comisión Negociadora pola representación legal das persoas traballadoras destas organizacións.
    • A empresa INSUIÑA, do Grupo Nova Pescanova, é pioneira en España no cultivo de rodaballo e líder en produción acuícola desta especie no mundo. Conta con tres centros de traballo, a planta de produción de Xove (Lugo), o criadeiro de Mougás-Oia (Pontevedra) e as oficinas centrais de Chapela-Redondela (Pontevedra).
    • Insuiña comezou a súa actividade na localidade pontevedresa do Grove, converténdose nun referente na acuicultura internacional.