Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Decembro 2025.

O Concello da Guarda incumpre os compromisos co persoal da piscina municipal

    CCOO e as persoas traballadoras critican a falta de vontade política do Goberno municipal para evitar as repercusións negativas durante o peche.

    05/12/2025.
    Piscina municial da Guarda / Google Maps

    Piscina municial da Guarda / Google Maps

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO denuncia que o Concello da Guarda incumpre os compromisos adquiridos co cadro de persoal da piscina municipal, que vai estar pechada por obras por un prazo estimado de dez meses.

    Durante o longo período de negociación previo ao peche celebráronse unha serie de xuntanzas entre CCOO, as persoas traballadoras, a representación sindical e o Concello, nas que este último se comprometeu a buscar fórmulas para que a paralización da actividade non tivese repercusión negativa ningunha para os traballadores e as traballadoras.

    O Concello da Guarda chegou a manter este compromiso nunha asemblea celebrada nas instalacións municipais hai escasos dous meses. Porén, o pasado venres, 28 de novembro, noutra asemblea, CCOO tivo que comunicar ao cadro de persoal que o Concello non ía asumir os compromisos adquiridos nas xuntanzas anteriores.

    Tanto o conxunto do persoal da piscina da Guarda coma CCOO denuncian a falta de vontade política e a negativa a asumir por parte do Concello os compromisos adquiridos ao longo destes meses. Critican, neste senso, que as prioridades políticas se establezan en función do beneficio político que lle poida reportar ao Goberno municipal.