Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO alerta da deterioración das condicións laborais en grandes almacéns e convoca concentracións para este xoves

    O 75 % do persoal reclama que o traballo en domingos e festivos sexa voluntario e compensado. O sindicato chama á folga en Galicia contra a decisión da Xunta de impedir o descanso en dúas fins de semana de verán.

    16/12/2025.
    En Galicia, as concentracións están convocadas en Ourense y A Coruña.

    En Galicia, as concentracións están convocadas en Ourense y A Coruña.

    A sobrecarga laboral, a falta de conciliación e os baixos salarios están detrás do malestar xeneralizado das persoas traballadoras do sector de grandes almacéns en España, segundo reflicte a enquisa de clima laboral realizada pola Federación de Servizos de CCOO no marco da súa campaña Tempo para vivir.

    Para denunciar esta precariedade, o sindicato chama a sumarse ás distintas concentracións convocadas en superficies comerciais de todo o Estado este próximo xoves, día 18 de decembro. En Galicia, serán ás 12:00 no Carrefour de Ourense e no Alcampo da Coruña.

    A enquisa procura facer oír a voz do persoal e, para iso, avalía aspectos clave do emprego e recolle as súas principais demandas. Participaron 24 227 persoas, máis do 10 % do total do persoal de dez grandes superficies.

    A práctica totalidade das persoas enquisadas coincide, en maior ou menor medida, en sinalar un aumento da carga laboral e unha redución do descanso (75,6 % totalmente de acordo; 15,4 % bastante de acordo; e 7 % parcialmente de acordo).

    A sondaxe, realizada entre o 1 e o 8 de decembro, sitúa no centro unha das principais queixas vencelladas á liberalización dos horarios: a falta de conciliación e a obriga de traballar os domingos e festivos sen compensación. Un 71 % sinala este aspecto como o peor do seu traballo, percepción que comparte, en menor medida, case outro 25 %. Non é casual que o 75,2 % sitúe a voluntariedade e a compensación retribuída do traballo en domingos e festivos entre as súas principais reivindicacións.

    Folga en Galicia

    En Galicia, este malestar incrementouse tras a decisión da Xunta de Galicia de permitir a apertura os días 26 de xullo, domingo, e 15 de agosto, sábado, impedindo o descanso en dúas fins de semana no verán para o persoal de grandes almacéns. Son datas, ademais, especialmente sinaladas para os galegos.

    CCOO convocará xornadas de folga neses dous días como protesta polas condicións de sobrecarga de traballo e pola imposibilidade de conciliación. O obxectivo é que o persoal poida manifestar o seu rexeitamento a unha decisión da Xunta que antepón as peticións da patronal ANGED en materia de horarios e aperturas comerciais e que só pensa nos beneficios económicos, en detrimento da conciliación da vida laboral e familiar e da saúde do persoal.

    Preguntadas sobre se consideran recoñecido o seu esforzo e o desempeño das súas funcións cunha retribución xusta, un 72,7 % manifesta que en absoluto o está, unha porcentaxe elevada que evidencia os baixos salarios do sector. Tampouco obtén unha mellor valoración o sistema de incentivos existente nas empresas, cualificado como moi negativo pola maioría. Este malestar reflíctese en que o 48,6 % das persoas enquisadas quere que os sindicatos negocien sistemas retributivos máis xustos e con salarios dignos.

    O termómetro do clima laboral tamén se dispara en cifras moi negativas no relativo á saúde das traballadoras e os traballadores. Un 48,3 % móstrase totalmente de acordo coa afirmación de que as súas condicións laborais afectaron negativamente á súa saúde, cun 22,3 % bastante de acordo e un 9,4 % parcialmente de acordo.

    Demandas

    A enquisa identifica as principais demandas de cara á acción sindical nas súas respectivas empresas, como as xa mencionadas de voluntariedade e compensación do traballo en domingos e festivos ou as melloras retributivas.

    A estas súmanse o aumento dos días de descanso, unha maior dotación de persoal, a redución dos horarios ampliados, principalmente para persoas maiores de 55 anos, o respecto do calendario laboral e a garantía de substitucións ante as ausencias.

    Un estudo recente do CIS sinala que o traballo preocupa ao 34 % da poboación, a metade por motivos económicos e de inestabilidade laboral. Estes temores enmárcanse nun contexto en que os problemas de saúde física e mental son os máis mencionados entre quen sofre ansiedade e incerteza. Ademais, un 16,4 % da poboación activa traballa nos sectores dos servizos e do comercio, ámbitos con elevada presión e precariedade, o que reforza a relación entre emprego, malestar emocional e vulnerabilidade económica.

    Desde CCOO Servizos vimos denunciando desde hai anos a falta de conciliación e as cargas de traballo no sector de grandes almacéns, especialmente en períodos como a campaña do Nadal ou as rebaixas. O traballo obrigatorio e non compensado en domingos e festivos, xunto coa perda de atractivo salarial fronte a outros sectores, reforzan a necesidade de reivindicar máis salario e máis tempo para vivir.