Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

O persoal dos grandes almacéns mobilízase para esixir que os domingos e festivos sexan voluntarios e remunerados

    O Alcampo da Coruña e o Carrefour de Ourense centraron en Galicia as protestas convocadas por CCOO Servizos en todo o Estado

    18/12/2025.
    Juan Zas, durante a protesta desta mañá na Coruña.

    Juan Zas, durante a protesta desta mañá na Coruña.

    O persoal dos grandes almacéns protagonizou este xoves o seu particular Nadal vermello con concentracións convocadas por CCOO Servizos en varios puntos do Estado para esixir melloras salariais, laborais e en materia de conciliación. En Galicia, as exitosas protestas tiveron lugar no Alcampo de Palavea, na Coruña, e no Carrefour de Ourense.

    O secretario de Acción Sindical de CCOO Servizos de Galicia, Juan Zas, salientou, entre as reivindicacións, a esixencia de que o traballo en domingos e festivos pase a ser voluntario e remunerado, xa que até o de agora é obrigatorio e carece de compensación económica.

    Nese senso, criticou a Xunta de Galicia por permitir a apertura os días 26 de xullo, domingo, e 15 de agosto, sábado, impedindo o descanso en dúas fins de semana de verán, nunhas datas especialmente sinaladas en Galicia. Esa decisión, de feito, levou a CCOO a convocar dúas xornadas de folga coincidindo neses días.

    As persoas traballadoras tamén reclaman a fin das sobrecargas, con reforzo de persoal nos picos de vendas, como neste período de Nadal, e que se cubran as baixas e as ausencias. Así mesmo, demandan salarios dignos e xustos, acordes co esforzo realizado, ademais de incentivos reais que resulten motivadores.

    Outros dos piares da protesta é a mellora da conciliación. CCOO pide que se estendan os descansos e se reduzan os horarios ampliados, en especial para as persoas maiores de 55 anos. Tamén esixe que se respecte o calendario laboral, sen que se produzan cambios arbitrarios. Por último, demanda unha mellor protección da saúde física e mental das persoas traballadoras.

    Todas estas reclamacións son as que levaron a este Nadal vermello, que busca facer visible o malestar xeneralizado das persoas traballadoras, cada vez máis expostas a maiores cargas de traballo e a dificultades para conciliar, tal e como reflicte a nosa última enquisa de clima laboral.

    Na sondaxe, realizada entre o 1 e o 8 de decembro, case o 100 % das persoas enquisadas afirma sufrir sobrecarga laboral e falta de descanso. Entre as principais demandas destaca que o traballo en domingos e festivos sexa voluntario e estea compensado economicamente, unha mellora que apoia o 75 % do persoal e que CCOO Servizos asume de cara a futuras negociacións coas empresas.