Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

Galicia, á cabeza dos accidentes laborais mortais no Estado durante o terceiro cuadrimestre

    É a terceira comunidade cun índice máis elevado de persoas traballadoras falecidas e a quinta en cifras totais, datos que CCOO considera «arrepiantes e inasumibles»

    19/12/2025.
    CCOO denuncia a elevada sinistralidade laboral en Galicia

    CCOO denuncia a elevada sinistralidade laboral en Galicia

    A sinistralidade laboral segue a ofrecer cifras inasumibles en Galicia. A comunidade, cun total de 46 falecidos entre accidentes ocorridos en xornada de traballo e in itinere, situouse entre as que peores estatísticas tivo durante o terceiro cuadrimestre do ano. Foi a terceira autonomía cun índice máis alto e a quinta en números absolutos, só superada por outras cunha poboación máis elevada, segundo un informe elaborado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia a partir de datos facilitados polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

    En concreto, ata setembro perderon a vida 38 persoas traballadoras en sinistros acaecidos durante a súa xornada laboral e outros oito pereceron en desprazamentos a ou desde o centro de traballo. Canto ao primeiro dato, supón unha mellora con respecto ao mesmo lapso temporal do ano anterior, cando houbo 42 sinistros mortais, o que implica unha caída do –9,5 %.

    Inda así, Galicia só rexistrou menos accidentes mortais que Andalucía (70), Cataluña (68), Comunidade Valenciana (49) e Madrid (42). Se se mide o índice de falecidos por cada 100 000 persoas traballadoras, a comunidade galega, cun 0,397, só presenta mellores rexistros que Asturias e A Rioxa, cun 0,438 e 0,406, respectivamente. «Non abonda para estarmos satisfeitos, seguen a ser cifras arrepiantes e inasumibles», enfatiza CCOO.

    No tocante aos accidentes mortais in itinere, incrementáronse un 60 %, dende os cinco ata o terceiro cuadrimestre de 2024 aos oito deste 2025.

    Ao analizar as cifras totais de sinistros durante a xornada laboral —leves, graves e mortais— tamén se observa un incremento do 2,42 %, ao rexistrarse un total de 20 242, por 19 764 no mesmo período do 2024.

    Por sectores e causas

    Por sectores de actividade, o número de accidentes leves diminúe nos sectores da agricultura, pesca e construción, pero aumenta nos sectores da industria e os servizos; os accidentes graves baixan nos sectores da agricultura, construción e servizos, pero increméntanse no sector da pesca e da industria nun 50 % e 38 %, respectivamente; os accidentes mortais redúcense no sector da agricultura, pesca e construción, pero aumentan un 20 % no sector da industria e un 5,88 % nos servizos.

    Canto ás causas que están detrás dos accidentes mortais, cabe destacar que os infartos e outras patoloxías non traumáticas seguen sendo o principal motivo, un 42 % con respecto á totalidade, seguidos de choques ou golpes contra obxectos en movemento e de esmagamentos por atrapamentos e amputacións, cunhas porcentaxe do 18,4 % e do 15,7 %, respectivamente.

    «Cómpre facer un seguimento específico sobre estes datos, que se repiten mes a mes. Temos que ser capaces de chegar ao detalle para demostrar que hai unha relación causa-efecto directa. Para iso é moi importante facer avaliacións de riscos psicosociais», salienta CCOO.