Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

Galicia remata 2025 con máis emprego pero non mellora a súa calidade: «Cómpre avanzar nun modelo produtivo baseado en sectores de alto valor engadido»

    CCOO reivindica maior compromiso da Xunta e das empresas para unha Galicia con traballo de calidade, prosperidade e xustiza social

    05/01/2026.
    Unha oficina de emprego.

    Unha oficina de emprego.

    Comisións Obreiras (CCOO) considera que os datos do paro que hoxe coñecemos indican que, durante o ano 2025, houbo unha mellora cuantitativa no emprego en Galicia, con menos persoas paradas e unha suba da afiliación á Seguridade Social. Pero, en termos cualitativos, seguen a manterse eivas que tanto a Xunta como as empresas deben comprometerse a superar neste 2026. «Cómpre avanzar nun modelo produtivo baseado en empregos ben remunerados e en sectores de alto valor engadido», sinala Maica Bouza, secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO.

    O paro rexistrado diminuíu en Galicia en 6807 persoas no último ano (unha redución do 5,7 % que é inferior á do Estado onde a caída é do 5,9 %) e a afiliación á Seguridade Social no último día de decembro increméntase en 15 917 persoas (1,5 %) respecto ao mesmo período do ano anterior (menos que no Estado, onde a suba é do 2,3 %). Galicia remata 2025 con 112 031 persoas en desemprego (47 321 homes e 64 710 mulleres) e 108 629 afiliadas á Seguridade Social.

    Os datos evidencian un bo comportamento do emprego no ano 2025 con 15 917 persoas afiliadas máis ao rematar o ano. Os contratos indefinidos estáncanse (0,6 %) mentres que os eventuais medran de maneira significativa (6,6 %) en termos anuais. Ao remate de 2025, 26 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos cando hai un ano eran 27 de cada 100.

    A evolución anual da afiliación, a último día de mes, nos réximes xeral e autónomos achega tamén datos positivos: aínda que a actividade na que máis emprego se crea é na sanitaria e de servizos sociais (+ 4516 empregos) observamos con atención o elevado volume de emprego creado nas actividades profesionais (+ 1888), na educación (+ 1843), na información e comunicacións (+ 1201) e nas actividades administrativas (+ 1018) que son as máis ligadas ao cambio do modelo produtivo reivindicado desde CCOO. Destaca tamén a industria manufactureira (+ 2030 empregos), a construción (+ 1780) e a hostalaría (+ 1198).

    Aspectos negativos

    Pero, en opinión de CCOO, non todo son bos datos. Como xa sinalamos, a creación de emprego tomando o dato do último día do ano é inferior que no Estado como adoita ser habitual (1,5 % fronte a 2,3 %) e a porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total é 11 puntos inferior en Galicia que no Estado (26 % por 37 %).

    A afiliación medra menos debido, en parte, a un peor comportamento do mercado laboral no mes de decembro. Se unha mesma lexislación común ao Estado ofrece unha evolución tan diferente dos indicadores laborais, a explicación haberá que buscala nas eivas da nosa estrutura produtiva e nas políticas, ou na ausencia das mesmas, aplicadas a nivel autonómico. Dada a evolución do emprego en decembro, con peores datos en Galicia que no Estado, estaremos vixiantes a ver se o dato de fin de mes responde a circunstancias conxunturais ou estacionais ou se, pola contra, estamos ante un cambio de tendencia.

    Non podemos ignorar a fenda de xénero que sofren as traballadoras galegas, que ten moito que ver coas actividades e condicións nas que se desenvolve o seu traballo A pesar de que o desemprego feminino se reduce en 3450 mulleres e o masculino o fai en 3357 homes, non se reduce a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres ao rematar 2025.

    Desde CCOO consideramos positiva, en termos xerais, a evolución do emprego en 2025 aínda que Galicia ten importantes eivas e retos a desenvolver en 2026: manter o emprego creado, mellorar a súa calidade, reducir a fenda de xénero e seguir avanzado nun modelo produtivo baseado en empregos ben remunerados e en sectores de alto valor engadido. Por iso, demandamos ao sector empresarial un maior compromiso na creación de emprego de calidade e á Xunta de Galicia que goberne para superar os retos pendentes e acadar unha Galicia máis prospera e socialmente xusta.