Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

O transporte de viaxeiros da Coruña maniféstase pola mellora salarial e da xornada

    O persoal fará novos paros desde o día 12 e irá á folga indefinida a partir do 2 de febreiro se non hai avances

    09/01/2026.
    Manifstación este venres, 9 de xaneiro, na intermodal de Santiago.

    Manifstación este venres, 9 de xaneiro, na intermodal de Santiago.

    CCOO, CIG e UGT manifestáronse este venres en Santiago para reclamar un novo convenio colectivo no transporte de viaxeiros da provincia da Coruña. A protesta comezou ás 11:00 na estación intermodal e rematou no Parlamento de Galicia.

    «Non é torelable que unha patronal que xestiona un servizo público, coa complicidade da Xunta de Galicia, teña secuestrado o convenio e que as relacións laborias estean completamente obsoletas», denuncian as forzas sindicais. Nese senso, responsabilizan ao Goberno galego por mirar cara outro lado, «amosando un claro desprezo tanto polas persoas traballadoras como polas usuarias dun servizo de primeira necesidade».

    Esta manifestación abre unha nova xeira de paros durante este mes, como os que xa tiveron lugar durante decembro. O cadro de persoal, en asembleas que tiveron lugar a semana pasada, aprobou realizar novos paros os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro. Se a patronal persiste no seu inmobilismo, a partir do 2 de febreiro as persoas traballadoras irán á folga indefinida.

    O motivo principal destas protestas é o «secuestro» do convenio colectivo por parte da patronal deste sector, explica CCOO. O convenio leva paralizado catro anos e quedou desfasado. O comité de folga subliña a grave situación salarial e destaca que no ano 2024 non houbo suba.

    Ante o inmobilismo patronal, a comisión negociadora viu os seus esforzos frustrados. A única oferta substancial presentada pola patronal foi un 1,20 % de suba salarial e «nada» no referente á xornada. Esta proposta foi rexeitada por se tratar dunha «suba salarial miserenta» que «insulta a todas as persoas traballadoras do sector».

    Demandas urxentes para humanizar o sector

    As persoas traballadoras do sector de transporte de viaxeiros esixen que se aborden as seguintes necesidades cruciais:

    • Unha suba salarial digna.

    • A redución de xornada e a ordenación do tempo de traballo, medidas necesarias para humanizar o sector.

    • A actualización e modernización dos permisos retribuídos e días de asuntos propios, que agora están por baixo do que marca o Estatuto das persoas traballadoras.

    • O recoñecemento do transporte discrecional como unha actividade que tamén é un servizo público de primeiro nivel e cuxa responsabilidade non debe recaer unicamente sobre o persoal condutor.

    • O recoñecemento da xubilación parcial, para que as persoas traballadoras poidan anticipala.

    • A ordenación da xornada para o persoal acompañante.

    O comité de folga recalca que a convocatoria de paro é a «única forma de desbloquear as negociacións» e de «recuperar un convenio colectivo que a patronal quere deixar morrer».