Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO buscará saídas «non traumáticas» e esixirá «garantías de futuro» ante o ERE na planta de GKN en Vigo

    A próxima semana comezará a negociación para minimizar o impacto do despedimento colectivo

    22/01/2026.
    Planta de GKN en Vigo / Google Maps

    Planta de GKN en Vigo / Google Maps

    Ante o anuncio de que GKN Vigo vai acometer un expediente de regulación do emprego (ERE) para 75 persoas, CCOO comprométese a buscar na negociación coa empresa que sexan saídas «non traumáticas». Ademais, esixirá «garantías de futuro» para o persoal que manteña os seus postos de traballo na que é a segunda compañía da automoción por volume de emprego, con 725 persoas traballadoras.

    Segundo explica o secretario xeral de Industria de CCOO en Vigo e membro do comité de GKN, Celso Carnero, a dirección comunicoulles este mércores 21 o inicio do procedemento de despedimento colectivo, que afectará a un máximo de 75 persoas, o 10 % do cadro de persoal. As razóns esgrimidas foron as dificultades na implantación do vehículo eléctrico e a inestabilidade económica xeneralizada.

    A primeira reunión para abordar a situación será o día 29 de xaneiro, cando a empresa terá que entregar a memoria explicativa que xustifica a decisión, ademais dos detalles sobre o número de persoas e talleres e departamentos afectados.

    Celso Carnero remarca que CCOO buscará minimizar o máximo o impacto do ERE e procurará as mellores solucións posibles para o persoal, mediante saídas «non traumáticas». Ao tempo, advirte, esixirá «garantías de futuro e de continuidade» para as persoas traballadoras que queden na empresa.