Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO: «O problema das baixas médicas é culpa das empresas pola excesiva presión e do colapso da sanidade pública»

    Armando Iglesias acusa a Xunta de criminalizar as persoas traballadoras e esixe un reforzo urxente do sistema sanitario para que as IT non se prolonguen máis do necesario

    23/01/2026.
    Armando Iglesias, en rolda de prensa.

    Armando Iglesias, en rolda de prensa.

    O secretario de Negociación Colectiva, Saúde Laboral e Transicións de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, recalca que o problema dun suposto exceso de baixas médicas non é culpa das persoas traballadoras, senón das empresas —onde a presión vai en aumento mentres non se toman as medidas de prevención precisas— e da Xunta de Galicia, polo colapso en que ten sumida a sanidade pública galega.

    Armando Iglesias, en declaracións á Cadena Ser, sae ao paso das últimas declaracións do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre un suposto exceso de persoas traballadoras que permanecen en período de incapacidade temporal cando non lles correspondería. «O que mostran esas afirmacións é un total descoñecemento da realidade», asevera o responsable de Saúde Laboral do sindicato.

    O que está o suceder, argumenta, non é culpa «en ningún momento» dos empregados e empregadas. É responsabilidade, en primeiro lugar, das empresas, nas que cada vez se viven situacións de máis presión, de máis carga de traballo, con máis movementos repetitivos. Ao tempo, cando unha persoa se lesiona, «non son quen de enviala á mutua para que se faga cargo desa doenza; mándana á Seguridade Social, o que fai que esta se colapse máis aínda».

    En segundo termo, a Consellería de Sanidade ten que garantir que cando esas persoas acoden á sanidade pública teñan unha atención axeitada en tempos adecuados. «Se se demora o tempo de baixa é porque a sanidade pública está en mans de quen está, e apóstase pola privada. Están desmantelando o servizo e as persoas traballadoras teñen pouca cobertura sanitaria», afirma Armando Iglesias.

    Ao seu xuízo, a solución a esta cuestión pasa por dous piares. Dun lado, a empresa ten que estar pendente da saúde dos seus cadros de persoal e aplicar unha prevención de riscos laborais «con rigor e controlada pola Inspección de Traballo», de xeito que se hai indicios de incumprimentos deben corrixirse ou sancionarse. Por outra parte, ten que haber un reforzo urxente da sanidade pública. «Temos listas de agarda de 190 días, a persoa traballadora non ten culpa diso. Se ten que esperar na Primaria, logo polas probas, máis aínda se necesita cirurxía, cunha lesión de tres ou catro meses botará ano ou ano e medio, incluso esgotando o prazo máximo de IT».

    Para o secretario de Saúde Laboral de CCOO, polo tanto, é claro que a Xunta criminaliza as persoas traballadoras e desvía a atención sobre problema, que non é outro que a pouca implicación das empresas na saúde dos seus cadros e, despois, o desleixamento por parte da administración da sanidade pública. «Para eles é moito máis sinxelo e máis económico poñer o dedo sobre as persoas traballadoras», critica.