Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO do Hábitat convoca unha concentración en Madrid para solicitar a garantía dos postos de traballo no Grupo Losán

    Será fronte ao Ministerio de Facenda, o próximo 5 de febreiro, para solicitar a viabilidade do proxecto industrial e esixir que as Administracións se involucren e se poñan de acordo no plan de viabilidade

    23/01/2026.
    Manifestación en Curtis, o 15 de xaneiro.

    Manifestación en Curtis, o 15 de xaneiro.

    O Grupo madeireiro Losán foi fundado en 1964 en Curtis (A Coruña) e dedícase principalmente á fabricación de taboleiros, chapas de madeira e melamina. Actualmente xera máis de 800 empregos directos e encóntrase en pleno proceso de negociación, no que están involucradas a banca, o SEPI, acredores e as achegas dos Gobernos autonómicos de Castilla y León, Castillla-La Mancha e Galicia.

    Na actualidade ten presenza en Curtis, Vilasantar e A Coruña (Galicia), Soria e Zamora (Castilla y León), Ciudad Real e Cuenca (Castilla-La Mancha), a través das súas empresas Industrias Losán, Aserpal, Tableros Losan, Componentes Losan, Losan Solid Wood, Channel Veeners, Losan Gestión Integral, Compañía energética para el Tablero —COMETA—, que na actualidade lle deben a todo o cadro de persoal as nóminas de novembro e decembro de 2025, así como a paga extra de Nadal. Tamén conta con implantación nos EUA, Países Baixos e Romanía.

    Despois dunha longa negociación cos acredores (fundamentalmente coas entidades bancarias), o pasado 7 de xaneiro de 2025, o Xulgado do Mercantil núm. 3 da Coruña presentaba a homologación xudicial (autos 586/2024) ao plan de viabilidade, cun ámbito temporal ata o ano 2031.

    Segundo a documentación rexistrada no xulgado mercantil, no acordo de reestruturación foi subscrito pola maioría cualificada dos acredores e especifica as achegas que as distintas Administracións (estatais e autonómicas) vinculan a este plan de negocio. Con carácter estatal, vinculáronse ao plan o FASEE (dependente da SEPI e, polo tanto, d Ministerio de Facenda) e o CDTI (dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades), IGAPE e XESGALICIA (dependentes da Xunta de Galicia), SODICAMAN (dependente do Goberno de Castilla-La Mancha) e SODICAL (dependente do Goberno de Castilla y León).

    Compromiso entre administracións

    Por iso desde CCOO do Hábitat entendemos que ten que partir desde o Goberno central un compromiso institucional co resto de Administracións autonómicas para desenvolver un plan industrial con garantías tanto para o emprego como para a actividade económica.

    É primordial asegurar a cadea de valor que se xera dentro do sector forestal e madeireiro, xa que é fundamental para manter o tecido produtivo en amplas zonas rurais e industriais, que fixa a poboación, xera empregos estables e está aliñado coa sostibilidade, a economía circular e a transición ecolóxica, en liña co que promove a Unión Europea.

    Corresponde agora buscar unha saída que debe ser coordinada polo Goberno central para garantir que é posible unha política industrial efectiva para o sector madeireiro e coordinar as accións que están acometendo as Administracións autonómicas para que a xestión empresarial se oriente a un proxecto industrial de futuro que garanta a actividade e o emprego.

    Mobilización en Madrid

    A nefasta xestión empresarial por parte da dirección do Grupo Losán quedou constatada, polo cal desde CCOO do Hábitat rexeitamos calquera saída que implique peches, despedimentos ou desmantelamento industrial como métodos de axuste. Polo tanto, esiximos transparencia, rendición de contas e un compromiso explícito pola súa parte coa garantía do emprego e o futuro industrial, aínda que sexa dando un paso atrás e deixando o futuro da compañía noutras mans (sexan de carácter público ou privado).

    Sóbrannos os motivos e por todo iso convocamos a todos os cadros de persoal cos que o Grupo Losán conta no territorio do Estado para una concentración o vindeiro 5 de febreiro de 2026, ás 12 horas, baixo o lema «EN DEFENSA DO MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO NO GRUPO LOSAN E A VIABILIDADE REAL DUN PROXECTO INDUSTRIAL».

    Ligazóns relacionadas

    Ligazóns relacionadas