Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Abril 2026.

CCOO convoca folga de controladores en Vigo, A Coruña e outros doce aeroportos para o 17 de abril pola carencia de persoal

    O déficit de persoas traballadoras deteriora as condicións laborais e repercute na operativa aérea

    08/04/2026.
    Torre de control dun aeroporto.

    Torre de control dun aeroporto.

    Desde CCOO Aéreo e Servizos Turísticos, xunto coa USCA, anunciamos unha folga indefinida en SAERCO a partir do 17 de abril que afectará a Vigo, á Coruña e a outros doce aeroportos do Estado. Denunciamos un déficit de persoal próximo ao 30 % que está a deteriorar as condicións laborais e repercute na operativa diaria do control aéreo.

    Presentamos preaviso desta folga ante a situación estrutural de falta de persoal nos servizos de control aéreo xestionados por SAERCO. A redución de efectivos sen reposición suficiente xerou unha sobrecarga de traballo sostida e unha organización do servizo cada vez máis precaria.

    Este déficit tradúcese en activacións constantes de dispoñibilidades, mesmo en días de descanso, cancelación de vacacións e alteracións de quendas comunicadas con escasa marxe de tempo. Tamén se están producindo cambios organizativos que dificultan o cumprimento dos descansos e afectan a conciliación.

    Así mesmo, detectáronse prácticas como a mobilidade forzada entre dependencias e a falta de claridade nos cuadrantes, o que aumenta a presión operativa e a incerteza no traballo diario.

    Advertimos de que esta situación compromete a seguridade operacional, ao se soster sobre cadros de persoal sometidos a fatiga e a estrés continuados, incompatibles coas esixencias do control aéreo.

    O motivo da folga é exclusivamente a falta de persoal e os seus efectos directos sobre a carga de traballo, os descansos e a operativa. Outros conflitos laborais na vía xudicial quedan fóra desta convocatoria.

    Con esta mobilización esiximos cadros de persoal suficientes, respecto aos descansos aeronáuticos, garantía de vacacións e unha organización do traballo compatible coa seguridade e a dignidade profesional. Tamén solicitamos a mediación previa ante o SIMA.