Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

A patronal do metal de Pontevedra dá un paso atrás e CCOO avisa da posibilidade de mobilizacións

    Os empresarios retiraron de forma unilateral acordos previamente acadados na oitava xuntanza da mesa negociadora

    09/04/2026.
    Traballadores do metal.

    Traballadores do metal.

    O proceso de negociación do Convenio do Metal de Pontevedra atravesa un momento decisivo. Na xuntanza número oito, celebrada o pasado 7 de abril, a patronal tivo unha actitude inaceptable ao comezar o encontro retirando cuestións sobre as que xa se acadaran acordos na reunión anterior. Desde CCOO Industria de Galicia consideramos esta manobra absolutamente inadmisible e advertimos de que as posturas seguen moi afastadas, polo que chamamos a afiliación e os nosos delegados e delegadas a tomar decisións na asemblea do vindeiro 10 de abril.

    Nun proceso negociador xa de seu lento e complexo, non se pode tolerar que desaparezan de maneira unilateral avances previamente conquistados. A patronal deixou de ofrecer a inclusión do oficial de 1.ª no grupo 4 e retirou a regulación do contrato fixo-descontinuo na súa duración, aspectos que xa estaban acordados previamente. Ante esta actitude, trasladámoslle o noso profundo malestar e esixímoslle unha reflexión seria, instándoos a presentar unha proposta digna que poidamos avaliar.

    A proposta da tarde: unha oferta afastada da realidade

    Tras a nosa esixencia, a reunión continuou pola tarde e a patronal presentou unha nova oferta. Desde CCOO esiximos que a trasladen por escrito para garantir así un mínimo de seriedade e compromiso. A proposta céntrase nos seguintes puntos:

    Duración e xornada: propoñen un convenio de catro anos e unha redución de xornada de oito horas anuais.

    Salarios e clasificación: ofrecen un incremento salarial do 12 %. Na clasificación profesional, propoñen eliminar categorías obsoletas e diferenciar economicamente o oficial de 1.ª do de 2.ª nun 1,5 % ao remate do convenio.

    Vacacións e licenzas: suxiren un día máis de vacacións, pasando de 23 a 24. No tocante ás licenzas, establecen un crédito horario de, máximo, 12 horas anuais para o persoal de quenda de noite. Ademais, a licenza por matrimonio poderá gozarse dentro dos 15 días posteriores á celebración, e a de cambio de domicilio ata 15 días antes ou despois do empadroamento.

    Contratación e ámbito: para o contrato fixo-descontinuo marcan un preaviso de 7 días. Así mesmo, propoñen a ampliación do ámbito do convenio a actividades como loxística, preparación de pedidos, revisión de pezas e abastecemento de liñas con carros de arrastre ou de uñas.

    Seguros e saúde laboral: suxiren a inclusión no seguro de responsabilidade civil dos recursos preventivos. Sobre o coeficiente redutor, quedamos á espera de que presenten un articulado para a súa valoración.

    É o momento de tomar decisións e dignificar o sector

    Para CCOO, resulta evidente que a oferta económica presentada está completamente desconectada da realidade do sector e das necesidades das persoas traballadoras. A patronal debe facer unha reflexión profunda e presentar condicións xustas e coherentes.

    Desde o noso sindicato consideramos que estamos na fase final do proceso negociador. O vindeiro mércores, 15 de abril, a patronal terá unha nova oportunidade. Pode ser a última antes de que este sindicato tome a decisión de iniciar mobilizacións e intensificar a presión nesta mesa negociadora.

    Como sindicato participativo e de clase, as decisións sempre as tomarán os nosos delegados e delegadas, xunto coa afiliación. Por iso, convocamos a unha asemblea o vindeiro día 10 de abril ás 16:00 horas nos locais de CCOO.

    É o momento de dignificar o sector do metal!!!