Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO convoca en España a primeira folga da historia de Glovo os próximos 24, 25 e 26 de abril

    Chama a mobilizarse contra o acoso, o ERE e as prácticas antisindicais da empresa

    09/04/2026.
    Folga en Glovo.

    Folga en Glovo.

    FSC-CCOO convoca unha folga en Glovo en toda España os próximos 24, 25 e 26 de abril, na que será a primeira protesta laboral deste tipo en Glovo, tamén a escala internacional. O paro farase polo abuso laboral que sofren os traballadores e traballadoras da empresa tras o proceso de laboralización, que finalizou en xuño de 2025, motivado pola aprobación da lei rider.

    A mobilización servirá para reivindicar os seguintes puntos:

    — Que a empresa cese na aplicación dun réxime sancionador ilegal, non avalado por ningún réxime disciplinario, nin sequera polo establecido no convenio colectivo caducado de mensaxería que aplica a empresa e que é claramente represivo e prexudicial ao non contar con ningún tipo de garantía de defensa para os seus traballadores e traballadoras.

    — Ademais, dado o incesante goteo de despedimentos disciplinarios sen garantías realizados nos últimos meses, consideramos que deberían realizarse polo procedemento e coas garantías establecidas no artigo 51 do ET.

    — Que a empresa renuncie ao ERE presentado por causas organizativas e produtivas e co que pretende despedir 750 persoas traballadoras, coa intención de externalizar e subcontratar posteriormente a actividade de repartición a frotas subcontratadas.

    — Que a empresa se aveña a negociar un convenio colectivo propio acorde ás condicións de traballo do ano 2026 cando, ademais, o convenio de mensaxería que aplica está obsoleto e expirado desde hai case 20 anos.

    — Que a empresa cese no seu empeño de obstaculizar o proceso de organización das persoas traballadoras a través das eleccións sindicais que se levan realizando desde hai uns meses na empresa; esa conduta vulnera o dereito á promoción e elección de representantes das persoas traballadoras de CCOO en Glovo. Tal proceder, xunto con outros claramente obstaculizadores da acción sindical e da negociación colectiva de CCOO na empresa, atentan de maneira frontal contra o seu dereito fundamental á liberdade sindical recoñecido no artigo 28 CE.